Proxecto

O proxecto CDEPI (EDU2015-67975-C3-1-P) preséntase como a integración e continuación da investigación que foi desenvolvida polos diferentes equipos participantes nos últimos anos. Está coordinado polo grupo de investigación Stellae da Universidade de Santiago de Compostela (GI-1439 of USC) ao que se suman outros dous grupos de investigación que participan como socios e pertencen á Universidad de Salamanca (USAL) e á Universidad Autónoma de Madrid (UAM). O proxecto pretende contribuír ao coñecemento sobre a competencia dixital dos estudantes en ensino obrigatorio, e a posible relación que a súa aprendizaxe pode ter nos procesos de inclusión social.

 

Nesta liña, o obxectivo xeral do proxecto sería identificar, analizar, comprender e avaliar a competencia dixital que posúen e utilizan na súa vida cotiá os estudantes de ensino obrigatorio e a súa relación cos procesos de inclusión social. Para a abordaxe deste obxectivo formúlase un traballo de investigación cunha proposta metodolóxica mixta con métodos cuantitativos e cualitativos para abordar o obxecto de estudo. Nesta relación establécense as seguintes liñas de traballo ao redor dun obxecto común:

 

    • – Estudo de casos cualitativos para recoller datos de diferentes contextos culturais e niveis educativos (Primaria e Secundaria).

 

  • – Estudo cuantitativo en varias fases: construción dunha proba de avaliación para medir a competencia dixital no alumnado, recollida de datos de variables socio-familiares e contextuais e deseño e construción dunha aplicación que dea soporte informático común á proba e que permita a auto-avaliación.