Please enable JS
  • slider21.jpg

A tese de doutoramento de Almudena Alonso Ferreiro “Competencia dixital e escola. Estudo de caso etnográfico en dous CEIP de Galicia” resultou gañadora do I Premio á Mellor Tese Doutoral no ámbito da Tecnoloxía Educativa outorgado pola Rede Universitaria de Tecnoloxía Educativa (RUTE).

A tese, dirixida por Adriana Gewerc, do Grupo de Investigación Stellae, busca describir, coñecer e comprender os procesos de apropiación que se producen nos centros educativos de Galicia por mor das disposicións legais do currículo da educación primaria (Decreto 130/2007), especialmente aquelas referidas á competencia dixital. Na súa investigación Almudena Alonso atopou elementos disruptivos que mobilizan aos actores escolares, “o que favorece o cuestionamiento sobre a propia práctica, aínda que sen chegar a xerar unha transformación da mesma”.

O traballo supón un marco de reflexión ao redor da competencia dixital na escola, cunha revisión actualizada dos retos a nivel macro, meso e micro na integración das tecnoloxías dixitais nos centros educativos. A xa doutora reclama e expón unha proposta de regulación “que ampara e dignifica o traballo do Coordinador TIC no sistema educativo galego e que supón un punto de encontro entre teoría e práctica”.

O premio entregouse a semana pasada na Universidade de Burgos coincidindo co XXV Aniversario das Xornadas Universitarias de Tecnoloxía Educativa (JUTE). 

 Fonte da noticia: XORNAL da Universidade de Santiago de Compostela. http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2017_06/noticia_0174.html