A Revista Galega de Educación (RGE) publica un monográfico sobre videoxogos

 “Aprendendo con videoxogos” é título do número 68 da RGE, coordinado pola pedagoga e membro do Grupo de Investigación Stellae Silvia López Gómez. Entre os artigos que compoñen este monográfico especial atópanse referentes actuais do sector do videoxogo e inclúense experiencias relatadas por profesorado que utiliza os videoxogos nas aulas.

 Na primeira parte da revista achégase unha visión introdutoria ao fenómeno dos videoxogos coa que se pretende axudar a coñecelos mellor dende un punto de vista histórico, a través das investigacións relacionadas cos seus efectos nas persoas, e tamén por medio do estudo das oportunidades e dos desafíos para a súa inclusión efectiva nas aulas e no fogar. Nesta sección atópanse os seguintes títulos:

         Que é un videoxogo? Achegamento ao maior fenómeno social, cultural e económico dos últimos tempos.

Marcus Fernández (webmaster de Codigocero.com)

         O paradoxo dos videoxogos.

Xurxo Mariño (Universidade da Coruña)

         Utilización didáctica dos videoxogos na escola e na familia: posibilidades e recomendacións.

Silvia López Gómez e Carlos González Tardón (Directora de DIMElab; Fundador de People&VIDEOGAMES)

         Aprendizaxe baseada en xogos dixitais: interacción, desafíos e logro de obxectivos.

Mª Esther del Moral Pérez (Universidade de Oviedo)

 

Tamén se presentan proxectos de centro e experiencias de aula relacionadas coa análise e reflexión crítica sobre os videoxogos, así como coa creación de contidos e xogos dixitais por parte do alumnado de educación primaria, educación secundaria e bacharelato, nas que se empregan ferramentas informáticas como Minecraft, e-adventure e Scratch.

         Xogando aos oficios na educación primaria. Un proxecto de Minecraft.

María Begoña Codesal Patiño (CEIP Ponte dos Brozos – Arteixo)

         Programación de videoxogos con Scratch na educación primaria e secundaria.

María Loureiro González (IES Primeiro de Marzo – Baiona)

         Unha proposta de gamificación: “A viaxe de Alicia con e-adventure”.

Agapito Muñiz Llanos e Sonia Vivero Nogueiras (IES de Sabón – Arteixo)

         Os videoxogos nas aulas, moito máis ca un xogo.

Miguel Vázquez Freire (IES Eduardo Pondal – Santiago)

 Ademais no monográfico inclúense achegas relacionadas con outros espazos diferentes ás aulas e aos fogares onde os videoxogos teñen cabida. Móstrase a presenza dos videoxogos nas bibliotecas escolares e afóndase na importancia destes medios nos museos, ademais de presentarse un videoxogo xurdido dende o ámbito sanitario.

         Videoxogos na biblioteca escolar.

Belén Sánchez Sánchez e Isidora Gil González (IES Celanova Celso Emilio Ferreiro)

         (Como e porquê) comunicar ciência com videojogos nos museus / centros de ciência & tecnologia (MCC&T)?

Joel Pereira de Almeida (Associação de Museus e Centros de Ciência de Portugal)

         e-Motional Training e Second Chance. Ferramentas en liña para a mellora da cognición social.

Yolanda Maroño, Souto Francisco Díaz Llenderrozas e Alejandro Alberto García Caballero (Psicóloga clínica; Médicos psiquiatras)

 Completan o tema deste monográfico o apartado “Para sabermos algo máis...” no que Silvia López e Aitor Barbosa (Imagames) inclúen recursos de interese sobre xogos dixitais, e a entrevista realizada á Dra. Begoña Gros Salvat (Facultade de Educación da Universidade de Barcelona). Na sección “A lingua” Santiago García Sanz (Universidade de Vigo) reflexiona arredor do estado actual do galego nos videoxogos.

 O monográfico diríxese tanto a profesorado como a nais, pais, titoras, ... Así como a xogadoras e xogadores, amantes da cultura e das coleccións, xa que esta publicación considérase como a primeira realizada en Galicia sobre videoxogos e educación.

 A Revista Galega de Educación (RGE) é desde 1986 unha publicación editada polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega (NEG). Trátase da única revista galega de educación en formato impreso.

Máis información en: www.neg.gal , no apartado dedicado á Revista Galega de Educación.

A revista pódese mercar en librarías ou ben escribindo un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..