imprimir

Silvia López Gómez, membro do grupo de investigación Stellae, foi premiada nos premios Educacompostela polo seu traballo “PIRILLÁN”.

Este premio, convocado polo Concello de Santiago de Compostela en colaboración con Nova Escola Galega, ten como obxectivo recoñecer, premiar e difundir publicamente aqueles materiais didácticos que poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia.

“PIRILLÁN” é un coxín parlante de recitados galegos pensado para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Dentro de Pirillán inclúese un chip cun botón que cando é pulsado reproduce unha mensaxe que nós mesmos podemos gravar previamente.

O seu propósito fundamental é a difusión dos xogos recitados populares de Galicia que ao longo dos anos estiveron moi presentes nos momentos de ocio dos cativos e cativas  nas relacións familiares. Por tanto, con Pirillán  preténdese dar a coñecer estes xogos verbais dos nosos antepasados para que non queden no esquecemento e se aproveiten os beneficios deste patrimonio cultural inmaterial: pasar intres de lecer e diversión en familia, establecer vínculos afectivos, contribuír nas bases de identidade, aprender a escoitar e a dialogar, iniciarse na adquisición da lingua galega, entre outros.