imprimir

O Grupo Cavila de Nova Escola Galega (NEG) en colaboración co Grupo de Investigación Stellae e outras entidades organizan o IX Seminario Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos que terá lugar o 12 e o 13 de abril de 2018 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) de Santiago de Compostela.

Neste seminario titulado “Os materiais e recursos dixitais en Galicia. Que hai de novo? reflexionarase sobre as características e o proceso de introdución dos materiais didácticos dixitais nas escolas. Ademais, ofrecerá a oportunidade de analizar o que supón o proxecto E-dixgal no contexto galego e a posibilidade de coñecer experiencias educativas innovadoras de interese para o profesorado.

Tamén se terán en conta os resultados que se están obtendo no proxecto de investigación Escuel@ Digit@l coordinado por Manuel Area e no que participan varios membros do grupo Stellae. En especial, farase fincapé na análise dos materiais educativos que se ofertan dixitalmente no contexto español para Educación Primaria, os modelos pedagóxicos subxacentes nos mesmos e proporcionaranse recomendacións a distintos axentes e sectores implicados na produción e utilización destes recursos educativos.

Na seguinte ligazón atópase dispoñible toda a información sobre este Seminario: http://www.neg.gal/WebDefault.aspx?MenuInd=1&MenuId=399&Lng=gl-ES&tl=0