O pasado 21 de xaneiro no Salón de Xuntas da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida), defendeuse a tese doutoral “Unha Teoría Fundamentada sobre a Adopción de Repositorios e Recursos Educativos Abertos en universidades latinoamericanas”. Traballo realizado por  Virginia  Rodés  Paragarino, baixo a dirección de  Adriana  Gewerc  Barujel, coordinadora do Grupo de Investigación  Stellae, e Martín Chamas Nistal, coordinador do Grupo  GIST da Universidade de Vigo.

Na presente investigación analízanse as dimensións da adopción dos Repositorios e os Recursos Educativos Abertos por parte de docentes universitarios latinoamericanos. Despois de máis de 15 anos de iniciativas impulsadas en todo o mundo para a adopción dos Recursos Educativos Abertos, estes aínda están lonxe de formar parte da vida cotiá do profesorado e as universidades; as iniciativas impulsadas nos países en desenvolvemento atópanse pouco estudadas, xerando dificultades para identificar os seus particulares características e para achegar unha perspectiva propia no concerto global dos REA.

Virginia  Rodés  Paragarino desenvolveu un modelo conceptual,  multidimensional,  teoricamente fundamentado, da adopción dos Recursos Educativos Abertos desde unha perspectiva crítica latinoamericana. Implementando unha metodoloxía cualitativa con base na Teoría Fundamentada, Método Biográfico e Etnografía Dixital, en doce suxeitos, profesorado de tres universidades públicas de tres países latinoamericanos (Uruguai, Costa Rica e Venezuela).

A tese obtivo a máxima cualificación, sobresaliente  cum laude, outorgada polo tribunal composto polos especialistas Mª Lourdes Montero Mesa, Juan Bautista Martínez e Beatriz María De los Arcos.