Please enable JS
  • slider21.jpg

As mulleres do Grupo de Investigación Stellae unímonos á campaña #MulleresUSC.

Como grupo de Investigación  conformado na súa maioría por mulleres, somos plenamente conscientes das dificultades constantes que atopamos no noso ámbito persoal e exercicio profesional, produto dun machismo estrutural. 

Por isto, secundamos o manifesto da Asemblea de Mulleres Traballadoras da USC; estamos xuntas contra o machismo estrutural que afecta ao noso sector ao igual que aos demais sectores laborais:

1.  Teito de cristal ou segregación vertical. Soamente somos un 23,3% de catedráticas, un 48,2% na máxima categoría do persoal de administración e servizos e un 30,8% de coordinadoras de grupos de investigación.

2. Segregación horizontal. Seguimos estando masivamente nas especialidades tradicionalmente femininas e as que máis se relacionan co coidado.

3.   Representación política. A pesar dos avances dos últimos anos, a participación nos órganos de representación segue sendo menor que a presenza real na universidade en todos os sectores.

4.  Corresponsabilidade e coidados. A universidade debe asumir como estratéxico un cambio de horarios e organización do traballo para facer da conciliación e da corresponsabilidade un feito e non soamente un dereito.

5.     Acoso sexual e laboral. É imprescindible  erradicar dunha vez o terrorismo da violencia de xénero. Queremos sentirnos seguras e libres nas aulas, nos centros de traballo e nos campus.

6.  Conñecemento parcial. A perspectiva de xénero segue sen estar introducida na produción do coñecemento e na formación do estudantado. É por iso que se xera un coñecemento e unha transmisión do saber que segue reproducindo discriminacións de xénero.

7. Imaxe e a comunicación institucional con perspectiva de xénero. Fai falta visibilizar as contribucións das mulleres nos labores de docencia e investigación. Ata o momento a USC só recoñeceu coa distinción Honoris Causa a unha única muller.

8.  Atención á saúde feminina. As mulleres somos diagnosticadas de trastornos de ansiedade e psicosomáticos moito máis á lixeira que os homes. Fai falta dotar de medios humanos e materiais ao servizo de saúde da USC para que poida atender as nosas doenzas en tempo e forma.