Please enable JS
  • slider21.jpg

A spin-off da Universidade de Santiago de Compostela DIMElab (https://dime-lab.com/) vén de gañar o Concurso Luísa Villalta de proxectos culturais pola igualdade que convocou a Deputación da Coruña cunha curtametraxe interactiva titulada “Ti decides: vidas interactivas”.

DIMElab acadou o máximo do financiamento posible (20.000 euros) da Deputación para desenvolver este proxecto ao longo deste ano. “Ti decides: vidas interactivas” será unha curtametraxe interactiva na que o ou a usuaria é parte activa da historia ao ter que decidir que camiños tomar na vida dunha muller.

 

Nesta curta as espectadoras e espectadores convértense en usuarios activos ao ter que interactuar co contido. Terán a oportunidade de probar e escoller entre diferentes posibilidades que a vida ofrece á protagonista da curtametraxe, chamada Luísa (a nivel persoal, educativo, social, cultural, profesional...), tendo como reto: construír o proxecto de vida de Luísa, tentando alcanzar a súa autorrealización.

A historia divídese principalmente en tres etapas, coincidentes coa infancia, xuventude e madurez dos tramos de vida da protagonista, e nas cales iranse presentando diferentes opcións na pantalla (morais, de relación con outras personaxes, culturais, literarias, etc), tendo que elixir a/o usuaria/o a que considere máis axeitado. Na curtametraxe interactiva terase que actuar coma se se fose Luísa, e segundo as decisións tomadas, as situacións irán variando e os finais serán diferentes.

Segundo as decisións que se tomen ao longo da curtametraxe, algúns dos temas que se reflectirán son: a presenza de mulleres en cargos de responsabilidade política, social, cultural e económica; discriminación salarial; desemprego feminino; violencia; problemas de conciliación da vida persoal, laboral e familiar; modelos de convivencia desde a perspectiva de xénero; uso da linguaxe e contido sexista; aceptación do corpo; estereotipos; entre outros contidos.

Acompañando a curtametraxe, elaborarase unha guía didáctica para as/os profesionais da educación que desexen utilizar o recurso nas aulas ou noutros equipamentos sociais e educativos. A guía incluirá información, actividades e recomendacións para a correcta utilización pedagóxica do recurso.

Alén disto, DIMElab establecerá un calendario de sesións/actuacións socio-educativas e culturais co recurso, dinamizadas de forma dramatizada por especialistas en educación e arte dramática. 

O obxectivo deste proxecto é pór en valor o papel das mulleres no terreo cultural, histórico e social, así como desenvolver a toma de conciencia e comprensión dos dereitos vinculados á igualdade de xénero e a non discriminación por razóns de sexo.