Please enable JS

O pasado luns 21 de outubro celebrouse na Facultade de Ciencias da Educación (USC) o primeiro encontro do proxecto de investigación titulado “Os materiais didácticos dixitais na Educación Infantil. Análise para o seu uso na escola e no fogar. Infanci@ Digit@l”, coordinado por Jesús Rodríguez Rodríguez, membro do grupo Stellae e Manuel Area da Universidade de La Laguna. Este proxecto foi financiado polo Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación na convocatoria de 2018 e desenvolverase no período comprendido entre 2019 e 2021.

Nesta xornada participaron máis de vinte investigadores e investigadoras das comunidades autónomas de Galicia, Valencia e Illas Canarias e sentaron as bases do traballo dos vindeiros tres anos.

O proxecto pretende reflexionar sobre unha serie de interrogantes como: que tipo de materiais educativos se ofertan dixitalmente no noso país para o segundo ciclo da Educación Infantil?, como se utilizan na aula e no fogar?, que visión ten o profesorado e as familias do alumnado sobre os efectos educativos destes recursos?, entre outras.

Para dar resposta a estas preguntas de investigación o proxecto divídese  en catro estudos consistentes en: analizar as características pedagóxicas dunha mostra de plataformas educativas dixitais de materiais de Educación Infantil (Estudo 1), identificar as visións dos axentes implicados no deseño e utilización de contidos dixitais educativos (Estudo 2), realizar estudos de caso de uso dos materiais didácticos dixitais nas aulas e no fogar (Estudo 3) e elaborar unha guía de boas prácticas sobre a produción, distribución e uso dos materiais didácticos dixitais na Educación Infantil (Estudo 4).

foto reunión proxecto opt 1