STINN: Stellae Innova

29 junio, 2012

O grupo STELLAE INNOVA (rexistrado co código da USC como grupo de innovación docente: GID-43-STINN), nace como resultado dunha longa experiencia de anos de traballo na docencia universitaria, na procura de avanzar cara á mellora das súas condicións e das súas propostas. No transcurso destes anos, os integrantes deste grupo desenvolvemos unha intensa actividade, coordinando experiencias e recursos en diferentes materias e titulacións, compartindo medios e propostas, unidos, fundamentalmente, por unha idea común acerca de como encarar o ensino na universidade. Unha desas ideas básicas é a necesidade de que a docencia estea enchida de significado como un tempo e un lugar (ou un non lugar) onde a construción de coñecemento é a tarefa por excelencia. Durante todos estes anos de traballo, a elaboración de portafolios polo alumnado ten sido o tema con continuidade converténdose en leiv motiv para compartir e construír coñecemento sobre o ensino e a aprendizaxe na universidade. Esta tarefa continuada arredor da elaboración de portafolios ben pode asemellarse a unha viaxe de reflexión sobre a propia práctica que posibilitou construír coñecemento sobre a mesma e sobre as ferramentas tecnolóxicas que posibilitan as propostas de innovación resultantes. Tamén nos permitiu analizar e elaborar conceptos que serviron para orientar a práctica doutros docentes a través de talleres e seminarios de formación, artigos en revistas especializadas, congresos, etc. O portafolios, como instrumento para a avaliación que posibilita a tan amentada autonomía do alumnado e a súa aprendizaxe auto-regulada, constitúese en evidencia do ámbito persoal da aprendizaxe que o alumno construíu durante o seu paso polas diversas materias, mediante unha proposta de actividade que relaciona o traballo individual co proceso de compartir, en redes sociais, o seu traballo cotián. No equipo temos traballado para adaptar software que nos permitirá levar adiante as nosas iniciativas, construíndo un espazo de rede social de aprendizaxe aberta en Internet, onde o alumnado poda integrar as súas achegas e transformalas en evidencias do seu proceso de aprendizaxe, ao mesmo tempo que se enriquece cos aportes do conxunto dos integrantes da rede. A mellora da rede tense constituido nunha das tarefas continuadas durante o curso 2012-2013 para posibilitar unha innovación sostible como a que estamos a desenvolver no ensino universitario.

Filed under: Sin categoría


Sitios de interés

CONTACTO

Grupo de Innovación Docente STINN
Stellae Innova

http://stellae.usc.es
Tlfno: + 34 881 81 39 42
mail: postmaster@pietic.usc.es