Proxecto PIETIC

Data: 31/10/2006 (PIETIC) 

TÍTULO: Proxectos de Innovación Educativa mediados por TIC: Deseño, Análise e Avaliación de contornos de Ensino e Aprendizaxe 

ENTIDADE CONVOCANTE: Consellería de Innovación e Industria. Programa de Promoción Xeral da Investigación do Plan Galego de I+D+i 2006, Xunta de Galicia 

IP: Adriana Gewerc   

PROXECTOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA MEDIADOS POR TIC  

As investigacións realizadas ata o momento no ámbito da Tecnoloxía Educativa, incluídas as nosas, poñen de manifesto, que as institucións educativas teñen serias dificultades para adecuarse ás demandas da sociedade do coñecemento. Esta adecuación implica un enorme esforzo para adaptar as súas estructuras (curriculares, organizativas e profesionais), a modelos de ensinanza e aprendizaxe innovadores caracterizados pola construcción do coñecemento como resultado dun proceso participativo e colaborativo.   

As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) transfórmanse en aliadas ineludibles para enfrontarse a estas demandas, porque multiplican e potencian as opcións existentes. Non obstante, o profesorado mostrou, ata o momento, moitas dificultades para atender os desafíos profesionais xerados polos novos contornos, de maneira que, en lugar de aproveitar o seu potencial innovador, soen adaptalos aos usos da ensinanza tradicional. Se o obxectivo político que dirixe a inversión económica realizada para dotar de TIC aos centros educativos é posibilitar a satisfacción das demandas da sociedade do coñecemento, ben pode afirmarse que existen serios atrancos para logralo.   A análise desta situación e a busca de alternativas para orientala noutra dirección, transfórmanse en prioridades. De aí a proposta deste proxecto que pretende afondar na análise, deseño, desenvolvemento e valoración de contornos de aprendizaxe mediados por TIC e dirixidos a propostas de ensinanza e aprendizaxe que potencien a construcción do coñecemento e o traballo colaborativo nos centros. Afondar, porque a nosa traxectoria investigadora ofrece abundantes mostras de coherencia con esta liña de traballo. A chamada sociedade do coñecemento enfróntanos ao desafío de repensar a escola e imaxinar novos camiños para o cambio educativo. Problemáticas sociais tan relevantes como a transformación da familia, o fenómeno da exclusión social, os novos perfiles da infancia e a xuventude, a multiculturalidade…, son algúns dos fenómenos que impactan na escola e xeran situacións de conflicto e incertidume, pero tamén de grandes posibilidades.   En todo caso, é evidente que se abre un novo horizonte para o sistema educativo: xunto coa irrupción das TIC aparecen novas fontes de saber, de descubrimento e de invención; xurde un novo tipo de alfabetización audiovisual; créanse novas maneiras de entender o significado de comunidades educativas...   

Esta situación turbulenta é enormemente complexa e sería una temeridade pensar que a soa invasión de aparellos, cada vez máis sofisticados nos centros, vaia dar resposta ao reto ineludible de repensar a ensinanza e o papel do profesorado. Paradoxalmente, unha das cuestións ó redor das que xira o imaxinario social do cambio está representada pola integración das TIC nos centros educativos. Malia iso, unha vez instaladas, o seu uso non xera mutacións metodolóxicas nin organizativas que supoñan modificacións substantivas nos procesos de E-A. Implican, máis ben, prácticas de adaptación do seu suposto potencial innovador aos usos da ensinanza tradicional. Como resposta a esta situación, na investigación en curso do grupo Stellae estase a traballar na liña de colaborar con centros educativos na elaboración de proxectos de innovación educativa con TIC (PIETIC). A hipótese de partida é que a introducción de ferramentas tecnolóxicas para mellorar os procesos de E-A é insuficiente se esta non se produce no contexto dunha formulación metodolóxico global (formativa, organizativa e curricular), capaz de xerar algún tipo de ruptura cos modelos educativos previos. En lóxica coherencia, é imprescindible construír apoios formativos para favorecer o potencial innovador das TIC, de modo que o profesorado dispoña dos andamios necesarios para enfrontarse de maneira continua aos cambios.   

Este proxecto inscríbese na liña de traballo xa iniciada de analizar e valorar os factores implicados, fortalezas e debilidades, xeradas á hora de facer fronte aos proxectos de innovación educativa en centros de primaria e secundaria, focalizados en favorecer novos contornos de E-A mediados por TIC. Así mesmo, os estudios mostran tamén que a maior parte do software educativo en uso, sexa comercial ou de acceso libre ao que, en xeral, ten acceso o profesorado, fortalece o ensino tradicional. Xustifica así o uso duns aparatos, polo mero feito de usalos, sen que facelo signifique unha reconsideración das condicións en que se transmite, constrúe e distribúe ao coñecemento. Tamén o software educativo máis popularizado estaría lexitimando a ausencia de innovación. Por todo o dito, sería necesario deseñar -en colaboración co profesorado- contornos que permitan estratexias de ensino baseadas na resolución de problemas, a elaboración de proxectos e a ensinanza para a comprensión, utilizando software adecuado (micromundos, simulacións...) O profesorado necesita dispoñer de espacios virtuais colaborativos (groupware, wikis...); repositorios de exemplificacións e propostas de traballo; desenvolvemento e xeración de instaladores de software adaptado (Squeak, Logo, etc...); editores web para niños e adolescentes; desenvolvemento de ferramentas de comunicación (blogs, foros, chats...), e todo esto nun só entorno soportado por un servidor xestionado colaborativamente polo equipo de investigación. Neste proxecto propoñemos a análise e seguimento dos procesos de innovación desenvolvidos nas cinco escolas implicadas no proxecto PIETIC, no deseño e uso de contornos de E-A mediados por TIC e orientados ao desenvolvemento de propostas que potencien a construcción do coñecemento e o traballo colaborativo nas aulas e nos centros .