Brecha digital

Falando da brecha dixital exposta na terceira sesión podemos facer unha clara relación co exposto na segunda sesión interactiva.

A tecnoloxía pode considerarse hoxe en día como unha ferramenta para o avance da sociedade e o seu desenvolvemento,e é algo que inflúe constantemente nas nosas vidas e que foi cambiando considerablemente nos últimos anos. Con estes cambios pódese facer referencia á relación de espazo e tempo, xa que grazas a eles nin o espazo nin o tempo serán un impedimento para as relacións e conversacións levadas a cabo pola sociedade. Un claro exemplo de todo isto son as conversación que se poden manter dende unha parte do mundo á outra, xa sexa a través do teléfono ou da internet, tendo incluso horarios diferentes. É por isto que nin os diferentes lugares nin tempos son hoxe en día un impedimento para a comunicación das persoas, e xéranse cada vez máis un conxunto de interrelacións globais co espazo. A maioría das cousas pódense facer on-line, o que quere dicir que se poden facer en tempo real, independentemente do lugar onde te sitúes, e iso configura unhas novas percepcións en relación con unha cotidianidade instantánea.

A pesar de todos estes avances e cambios na sociedade, segue habendo unha diferenza entre a poboación con respecto ás novas tecnoloxías, e é a chamada “brecha dixital”. Existen diferentes tipos de “brecha dixital”, e entre eles podemos destacar a “brecha dixital por dispoñibilidade”. Con ela o que se pretende é dar a coñecer a diferenza de recursos dos que dispoñen uns países e outros, xa que non todos contan cos medios suficientes para levar a cabo un desenvolvemento completo das novas tecnoloxías; diferenza que tamén se pode ver, aínda que a menor escala, dentro dun propio país. Está esta moi relacionada coa “brecha informacional”, xa que non todos os países poden acceder á mesma información. Existe unha clara diferenza entre uns países e outros, xa sexa por motivos económicos ou políticos.

Ademais destas, existen moitas outras “brechas dixitais”, pero centrarémonos agora na “brecha xeracional”. É esta un tipo que causa un gran debate de opinións. O que nela se quere dar a coñecer é a diferenza entre xeracións con respecto ás novas tecnoloxías. Podemos diferenciar así entre inmigrantes dixitais e nativos dixitais, e son estes, dous termos que non todo o mundo ve da mesma forma. ¿Todo depende do ano no que cada persoa nace ou é iso algo indiferente? Dende o meu punto de vista penso que todo o mundo pode conseguir adentrarse nas novas tecnoloxías independentemente da xeración na que nacera, e non ten que ser iso un inconvinte nin moito menos un impedimento para poder utilizalas.