• Blogs
  • Doa
  • PLE (Personal Learning Environment)

PLE (Personal Learning Environment)

  Un PLE (Entorno Persoal de Aprendizaxe) refírese a unha forma de aprender na rede, que implica unha aprendizaxe informal baseada na concepción conectivista. Trátase dun enfoque que precisa dun aprendiz xa formado, que teña os seus propios obxectivos de aprendizaxe. Non hai avaliación nin títulos, é unha forma de aprender utilizando:

  • Unha serie de ferramentas ou aplicacións, que inclúen os programas instalados no equipo e os servizos en liña utilizados para: buscar, comunicar, crear, publicar ou colaborar.

  • Os recursos ou fontes de información (os sitios web que se consultan).

  • Unha rede persoal de aprendizaxe (Personal Learning Network), que representa ó colectivo de persoas coas que se comparten os contidos, a través dun obxecto mediador (neste caso a rede).

  Que cada suxeito cree e xestione o seu PLE require de certa madurez e experiencia no uso dos medio tecnolóxicos. É unha forma ideal para o desenvolvemento persoal e profesional, que estimula ós suxeitos para utilizar todos os recursos dispoñibles na rede, e que potencia o coñecemento global e a aprendizaxe social. De feito espérase que nos espazos de intercambio os suxeitos sexan prosumidores de información, creando así unha rede de apoios que axuden a suplir as propias necesidades. Son útiles para a xente que reside na rede, independentemente de que os usuarios sexan nativos ou dixitais, dado que actualmente nas redes xa non existe tal distinción.

  Realizando unha pequena reflexión caín na conta de que, antes de cursar a materia de Tecnoloxía Educativa, aínda que contaba cun PLE sucedían dúas cousas. Por unha banda este era moi limitado e por outra banda nin sequera era consciente da súa existencia, se non que se trataba dunha serie de ferramentas e redes de información inconexas.

   Agora mesmo este novo e mellorado PLE, estaría composto por unha serie de fontes de información, de onde se extraen os datos sobre unha serie de temas de interese, que se organizan a través de unha ferramenta como é Netvibes (escritorio virtual personalizado). Grazas a este xestor de contidos organízase a información obtida por RSS procedente de Blog, wikis, redes sociais ou outras plataformas. Así mesmo realízase unha curación de contidos e créanse outros novos a través de ferramentas como Scoop.it, que permiten compartir as aportacións, creando así unha rede de coñecemento compartido. Esta rede persoal de aprendizaxe complétase coas aportacións a través do Stellae.

  Aquí deixo un vídeo que, segundo a miña opinión resulta bastante explicativo a clarificador.  

PLE Entornos personales de Aprendizaje (C)JM from Jose Mari de Juan Fonseca (1) on Vimeo.

 

WEBGRAFÍA. 

http://maestros20.webnode.es/ple-entornos-de-aprendizaje-/como-crear-tu-ple/