Percorrido pola materia

Hoxe en día rara é a persoa que non está nunha rede social e que día a día entra nela para ver o que se publica e as novidades que hai. Nelas pódense atopar persoas de todas as idades, pero abundan os adolescentes, que cada vez máis preocupan aos seus adultos sobre o uso que estarán a facer dela.

Como ben se di nunha revista do Ministerio de Educación “Cada día máis adolescentes elixen unirse a unha rede social. O seu crecemento nos últimos anos chegou da man da chamada Web 2.0, que propuxo un novo uso de Internet. Ata o ano 2000, a Rede permitía basicamente buscar información. A Web 2.0 posibilita ademais a produción e o intercambio de contidos por e entre os usuarios”.

Igual que todo, as redes sociais teñen a súa parte positiva e a súa parte negativa. A maioría das veces os adolescentes non son conscientes dos riscos que pode ter un uso non responsable da web por moita información da que dispoñan, de aí a preocupación da sociedade ante esta situación.

A pesar de todo isto son moitas as características positivas que presentan as redes socias e que moitas persoas non coñecen. Cousas positivas que eu mesma non coñecía ata que ao comezo deste terceiro curso me tiven que rexistrar nunha rede social chamada Stellae, moi útil para a asignatura de Tecnoloxía Educativa e sobre todo moi útil para aumentar os meus coñecementos sobre a materia.

Foron moitos os novos aprendizaxes que puidemos adquirir durante estes meses grazas aos contidos expostos nas clases tanto expositivas como interactivas, pero sobre todo grazas aos distintos blogs e arquivos que todos os compañeiros foron subindo día a día nesta rede social.

Nela puidemos afondar moito máis nos diferentes conceptos que se foron dando na materia, como foi por exemplo brecha dixital, E-learning, narrativa dixital e moitos outros termos que a día de hoxe temos máis claros e sobre os cales temos unha maior información. Esta información foi recollida tanto en diferentes páxinas web, como en noticias atopadas na rede e non sempre tiñan que ver coa clase desa semana, se non que cada persoa escribía sobre un tema que lle chamaba a atención e sobre o que estaba interesada.

Tecnoloxía Educativa foi unha clase diferente, que nunca antes experimentáramos, e grazas á que puidemos aprender sobre temas realmente interesantes. Unha maneira diferente de aprender e de adquirir coñecementos, uns coñecementos transmitidos tanto polas profesoras como polos compañeiros e compañeiras.