" Dar clase coa boca pechada". Unha pedra máis na recta final do camiño

                                                         " Dar clase coa boca pechada"

 Con este suxerinte título, e debido a afonía transitoria  que padecía Lourdes, demos comezo á derradeira sesión de clase, canto menos presencial. Ó meu entender, esta última clase estivo marcada de incerdume e expectativas, posto que a imposibilidade da mestra para comunicarse verbalmente, obrigábanos a manter un halo de expectación continua ante os novidosos recursos, esta vez impresos, a través dun documento explicativo, que a mestra artellou  para, contracorrente,  poder desenvolver este derradeiro encontro presencial,  caracterizado polas dúbidas, os interrogantes, así como as explicacións e recomendacións sobre a elaboración final da nosa complexa e inquedante ferramenta de traballo, ese portafolio que cada quen debe elaborar en base á constancia  e pertinencia das súas entradas, achegas e pescudas procesuais sobre todos  aqueles aspectos de interese  que sobre o campo do asesoramento foi , paseniñamente, recadando.

   A partir deste momento comeza unha recta final na que espero estar a altura para extractar o mellor do meu traballo a través dese fío condutor, que me permita dotar de  sentido e argumento á multiplicidade de aspectos abordados ata o momento, comezando polas reflexións sobre os contidos que sobre asesoramento traballamos noutras materias, como punto de partida e posta en valor dos nosos coñecementos previos; a búsqueda de significado do termo asesorar; os modelos de asesoramento existentes; a diferenza  e matices entre o asesoramento e a orientación; a reflexión sobre múltiples artigos referidos a ambos termos; o currículo no asesoramento; o proceso de elaboración de adaptacións curriculares; o asesoramento curicular e as medidas de atención á diversidade; a temática do benestar e malestar docente; a intensificación e carácter paragóxico desta profesión; a importancia da educación emocional na formación do profesorado; as diferentes  culturas profesionais da ensinanza; a importancia da atención á diversidade e as medidas correspondentes relatadas da man dunha pedagoga terapéutica, ou  as achegas e reflexións mantidas cos compañeiros na rede...

    Estes son, entre outros, os ingredientes  dos que actualmente dispoño, e os cales tratarei de cociñar con paciencia e dedicación para facer deste preparado unha completa receita para incluír nese, completo "maletín de ferramentas" que debe caracterizar a un bo asesor, asique, sen máis dilación compañeiros/as, poñereime mans a obra, á espera de que este" prato final", poida gozar dunha boa acollida.