• Blogs
  • Doa
  • Tecnoloxía Educativa e Novas Tecnoloxías aplicadas á educación: Que? Cando? como

Tecnoloxía Educativa e Novas Tecnoloxías aplicadas á educación: Que? Cando? como

   Que son as Novas Tecnoloxías? Que é a Tecnoloxía da Educación? Cando apareceron? Como foi o proceso historicamente?

   Dado que a Tecnoloxía Educativa e as Novas Tecnoloxías aplicadas á educación se centran no deseño, transmisión e avaliación de mensaxes didácticas usando diversos recursos, contan cuns antecedentes históricos comúns.

   Segundo Saettler (1968), estes antecedentes históricos remóntanse ós sofistas e ás pinturas rupestres, pero outros autores como Bartolomé e Sancho (1994) sitúan estas orixes vinculadas a aparición da radio, nos anos 20 e 30 do pasado século. En cambio outros como Pablos (1994) datan a súa aparición durante a II Guerra Mundial, vinculada ás necesidades formativas militares. A UNESCO sostén que a Tecnoloxía Educativa xorde ligada ó uso educativo dos modernos medios audiovisuais, durante a década dos sesenta do século pasado.

   Aínda que existen un gran número de estudos sobre o desenvolvemento histórico da Tecnoloxía Educativa e das Novas Tecnoloxías aplicadas á educación, a escolla céntrase nas conclusións derivadas dos traballos de autores españois, por estar ubicados dentro deste territorio:

   1. Primeira década do S.XX: creación do Instituto de Material Científico, que recomendaba o cine con fins educativos.

   2. Anos 20 do S.XX: fíxose un intento de integrar os medios audiovisuais na ensinanza, por consideralos un estímulo positivo, un factor de renovación e mellora pedagóxica na calidade da educación.

   3. Anos 70 do S.XX: entrada en vigor da Lei dos 70, que promovía a expansión dos medios audiovisuais nos centros educativos, a través da creación da rede de ICEs (Institutos de Ciencias da Educación), en particular das súas Divisións de Tecnoloxía Educativa.

 

   Na actualidade entendemos por Novas Tecnoloxías, aquel conxunto de medios baseados na utilización da tecnoloxía dixital, aínda que a definición deste termo conta cun gran número de discrepancias en canto o que se considera como “novas”.

   Se se entende dende unha perspectiva de temporalidade, trataríase das últimas innovacións que saen ó mercado, na actualidade os instrumentos e aplicacións destinadas ó acceso á comunicación e á información (polo que se podería establecer a seguinte asociación Novas Tecnoloxías= TICs). Por outra banda, pode existir unha ambigüidade xenérica dependendo do que se considera “tecnoloxía”, pois entendéndoa como un conxunto de instrumentos e procedementos que se empregan para unha actividade específica facilitando a mesma, serían novas tecnoloxías dende o vídeo ata as redes telemáticas.

   A pesar da ambigüidade do termo podería concluírse que as Novas Tecnoloxías teñen que ver cos avances surxidos do desenvolvemento tecnolóxico (microelectrónica, audiovisuais, telecomunicacións, informática e telemática).

   En cambio a Tecnoloxía Educativa é unha disciplina pedagóxica que estuda o deseño, desenvolvemento e avaliación das tecnoloxías, influídas pola aprendizaxe condutista e as teorías comunicación de masas. Na actualidade abrangue liñas como as TICs, materiais educativos audiovisuais, dixitais, o e-learning ou a alfabetización mediática.

 

 

   Entón.... a Tecnoloxía Educativa e as Novas Tecnoloxías aplicadas á educación serían o mesmo? Serían conceptos diferentes?

   Dende o meu punto de vista as Novas Tecnoloxías aplicadas á educación, farían referencia ó dixital e estarían enmarcadas dentro da Tecnoloxía Educativa, considerando esta como disciplica que engloba calquera medio, instrumento, procedemento ou estratexia didáctica, ben sexa dixital, analóxico ou estratexias didácticas utilizadas polo docente. 


BIBLIOGRAFÍA E WEBGRAFÍA.