Reflexións sobre o conflito do profesorado

En canto a miña última entrada, considero que cando falamos de educación todos debemos ter claro que nas decisións que teñan que ver con esta teñen que estar involucrados tanto as familias como o profesorado. Ao longo da carreira de Pedagoxía, todos os profesores de todas as materias nos recalcaron a importancia de que os distintos axentes que forman parte da educación deben estar involucrados nesta e para iso débese fomentar a súa participación.

En primeiro lugar considero que ao longo da nosa historia educativa temos demasiadas leis. Isto é un erro porque como non deixamos que estas se asente, nunca podemos alcanzalas metas que perseguimos con elas e polo tanto nunca poderemos alcanzala educación de calidade que queremos acadar.

Por outro lado, a calidade educativa non se pode conseguir se como dixen antes os axentes educativos non se involucran e para iso deben formar parte das decisión educativas, a súa opinión debe contar.

E por exemplo, no erro do caso da marea verde non foi só que non se tivese en conta a opinión dos pais e nais e do profesorado en canto ao trilingüismo, senón que este decreto se aprobou un par de días antes do comezo do novo curso e o profesorado non contaba co tempo necesario para formarse. Asemade, este decreto non contaba con que para que fose implementado con éxito se debería formar ao profesorado para que estes puidesen impartir as clases en inglés. E outro factor a ter en conta é o seguinte: que un profesor teña certo nivel de inglés non quere dicir que este  estea capacitado para dar as súas clases en inglés.

Está claro que algo debe cambiar no noso sistema educativo, xa que os obxectivos que queremos alcanzar, como por exemplo melloralo noso nivel de inglés, non os estamos conseguindo. Pero iso si, neste cambios, deberían involucrarse os profesores/as, as familias…

E por outro lado, debemos ter en conta que hoxe en día o profesorado ten outros problemas a parte de que a súa opinión non se teña en conta nas decisión educativas. Cada vez esíxeselles máis responsabilidades e debemos ter en conta que non só eles deben educar aos nenos/as senón que esta é unha tarefa compartida, sobre todo entre os pais/nais ou titores legais e o profesorado. Deben ser eles os que eduquen nos novos cambios da sociedade que nos rodean e moitas veces culpabilízanse a eles sobre os malos resultados educativos do alumnado.

Esta visión que se ten na actualidade do profesorado debería cambiar e a sociedade debería resaltar máis o papel do profesorado e involucrarse na formación dos rapaces/as, xa que todo o que nos rodea nos educa.

 

Que poderíasmos facer para cambiar a educación e conseguir estar máis preto da calidade educativa que pretendemos alcanzar?

Que pensades vos sobre os conflitos aos que se afrontan hoxe en día o profesorado/a?