Teorías da aprendizaxe

  O condutismo, cognitivismo e construtivismo, son as tres grandes teorías da aprendizaxe, pero estas foron desenvolvidas antes de que a tecnoloxía causara tal impacto na aprendizaxe. Estas manteñen a noción de que o coñecemento é un obxectivo/estado alcanzable ou innato a través do razoamento ou da experiencia e intentan evidenciar como aprenden as persoas.

   O condutismo establece a aprendizaxe como algo xeral, incognoscible, pois non se pode saber o que ocorre dentro dunha persoa. Iguala a aprendizaxe cos cambios de conduta observables, e lógrase cando se demostra unha resposta apropiada a un estímulo ambiental específico. As respostas mantéñense cando existe un posterior reforzo.

   Non se fai ningún intento por determinar a estrutura do coñecemento nin os procesos mentais. Considérase ó estudante como reactivo ás condicións do ambiente, non como noutras teorías que asume unha posición activa. A memoria tampouco é tida en conta polos condutistas, pois aínda que se pretende a “adquisición de hábitos”, préstase pouca atención a como se almacenan e recuperan no futuro; atribuíndo o esquecemento á “falta de uso”.

   No cognitivismo a aprendizaxe é percibida como un proceso de entradas almacenadas na memoria a curto prazo e codificadas para a súa recuperación a longo prazo. Polo tanto os procesos de aprendizaxe céntranse en como a información é recibida, organizada, almacenada e localizada. Acentúanse os procesos cognitivos complexos (pensamento, resolución de problemas, linguaxe, formación de conceptos e procesamento de información), enfatizando a adquisición do coñecemento e estruturas mentais internas.

   Esta teoría enfatiza o papel que xogan as condicións ambientais, así como o papel na práctica da retroalimentación correctiva. Outras influencias no proceso da aprendizaxe son os pensamentos, crenzas, actitudes e valores do suxeito. O estudante ten unha natureza “activa” dado que son as propias actividades mentais do estudante as que o conducen á resposta. A memoria é básica para o cognitivismo, xa que a aprendizaxe resulta cando a información se almacena nesta de xeito organizado e significativo; identificándose o esquecemento como a falta de habilidade para recuperar información da memoria, debido a inferencias.

   O construtivismo é unha teoría que equipara a aprendizaxe coa creación de significados a partir de experiencias, considerando a mente como unha ferramenta que filtra o que chega do mundo, para producir a propia realidade. Os construtivistas non negan a existencia do mundo real, pero si dunha realidade obxectiva, pois cada individuo crea os seus propios significados (non os adquire) a través da interpretación do mundo.

   A memoria sempre está en constante construción, pois os conceptos evolucionan con cada utilización en novas situacións ou actividades. Ponse énfase en subministrar ó estudante os medios para crear comprensións novidosas e situacionalmente específicas, mediante a fusión de coñecementos previos, provintes de diversas fontes. Para que a aprendizaxe sexa significativa debe incluír tres factores: actividades (exercitación), concepto (coñecemento) e cultura (contexto).

   Dende unha óptica persoal, considero que non debe escollerse unha única teoría, pois pode caerse nunha perspectiva demasiado reducionista. En función do tipo de aprendizaxes que se pretenda conseguir e dos medios cos que se opere, debería utilizarse unha ou outra teoría.

   O condutismo intenta prescribir estratexias útiles para reforzar asociacións estímulo-resposta, polo que pode ser efectivo para a facilitación da aprendizaxe que ten que ver con xeralizacións, discriminacións, e asociacións. En cambio non pode explicar axeitadamente a adquisición de habilidades de alto nivel ou complexas como, poden ser o desenvolvemento da linguaxe, solución de problemas, xeración de inferencias, pensamento crítico etc. En cambio o cognitivismo é máis axeitado para explicar as formas complexas da aprendizaxe (razoamento, resolución de problemas, procesamento de información), debido á énfase nas estruturas mentais. Finalmente o construtivismo, considerado por algúns unha rama do cognitivismo (pois ambas perciben a aprendizaxe como unha actividade mental), sería útil na medida en que os suxeitos adquiren maior coñecemento, pois proporciónalles o poder conceptual requirido para enfrontar problemas complexos e pouco estruturados.

   Unha das limitacións comúns a estas teorías poden identificarse a partir dun principio común ás tres: non fan referencia á aprendizaxe que se sucede fora das persoas (é dicir, o manipulado dalgún xeito pola tecnoloxía). Así mesmo pode sinalarse que tamén fallan ó describir como se sucede a aprendizaxe interior das organizacións. Ademais ocúpanse do proceso da aprendizaxe en si mesmo, non do valor que está sendo aprendido. 

 

   WEGFRAFÍA