• Blogs
  • Doa
  • Políticas educativas e tecnoloxía.

Políticas educativas e tecnoloxía.

   A incorporación das TIC ás sociedades avanzadas teñen un impacto significativo na docencia, a aprendizaxe, a investigación ou a expresión creativa dentro das organizacións dedicadas ó ensino. Este cambio que afecta de cheo ás organizacións educativas modifica algunhas das funcións dos axentes implicados no proceso formativo. Co propósito de adecuar os centros educativos ó cambio deséñanse e impleméntanse unha serie de políticas educativas para o desenvolvemento da Sociedade da información, do e-learning, e da integración das TICs .

   A partir do Cumio de Lisboa de 2000, púxose en marcha o plan e-Europe, co obxectivo principal, dentro do ámbito formativo, de adaptar o currículo, para facer posible novas formas de aprendizaxe na rede. Tamén no posterior Cumio Mundial sobre a Sociedade da Información (Xenebra 2003- Túnez 2005) se estipulan unha serie de obxectivos relativos ó tema en cuestión, entre os que se atopan os seguintes: conectar coas TICs todas as universidades, colexios secundarios e primarios, e efectuar unha adaptación dos plans de estudo para facer fronte á sociedade da información.

   Os plantexamentos destes cumios materialízanse a través de políticas que se plantexan dende diferentes niveis (europeo, nacional, autonómico), establecendo plans de actuación en sectores e poboacións diversas. Concretamente en España os Plans Info XXI e España.es (aprobados en decembro de 2015), destináronse a xeneralizar o uso das tecnoloxías entre os cidadáns. Tamén o Plan Avanza foi un programa cuatrienal (2006-2010 ampliado co Plan Avanza 2), pretendeu servir de apoio na innovación tecnolóxica no campo educativo das diferentes Comunidades autónomas, formulando e aplicando distintos plans e programas de integración das TICs nos centros educativos. O último foi o Programa Escola 2.0, impulsado polo Ministerio de Educación en colaboración cos distintos Gobernos das Comunidades Autónomas; iniciativa que aseguraba a dotación de ordenadores persoais a alumnos de 5º e 6º de Educación Primaria, así como proxectores multimedia e pizarras dixitais nas aulas. En Galicia esta última alternativa adaptouse, dando lugar ó Proxecto Abalar.

   A incorporación das TICs conleva de xeito implícito innovación educativa, entendendo esta última como un cambio que comporta melloras na calidade da ensinanza. Esta innovación pode producirse en diferentes espazos educativos e atender a diversos procesos (a práctica docente, a cultura escolar, o cambio curricular, a xestión dos centros); sendo as políticas educativas as que determinan estes escenarios e os marcos de referencia nos que xerar esta innovación, e polo tanto boas prácticas en materia tecnolóxica.

    Pero...cal é a importancia e repercusión real das políticas educativas?

   No caso de que se trate dunha institución pública esta depende do Goberno e da Administración Educativa; e as políticas que estes poñan en práctica condicionan directamente o desenvolvemento da mesma, tanto no referido á lexislación (obrigatoriedade do ensino, deseño do currículo...), como nas prestacións económicas (becas, axudas, subvencións) das que é destinataria a propia institución ou os usuarios da mesma. A integración das TICs depende polo tanto da importancia da que o Estado lle aporte. Un dos problemas que comporta a integración da tecnoloxía, é que esta non adoita ser vista polos docentes como algo prioritario, en detrimento do resto dos contidos curriculares.

   En caso de que se trate de outro tipo de institución como as ONL ou as ONGs, iniciativas de carácter privado, a dependencia da Goberno minimízase xa que aínda que poden recibir certas prestacións económicas do Estado, a súa financiación non depende de xeito íntegro deste, se non que tamén conta con outras formas de financiación (doazóns, socios...). Neste caso a integración das TiCs no ámbito educativo depende da política da propia institución.

   Polo tanto as políticas educativas, inflúen nas organizacións públicas e nas privadas (máis nas primeiras que nas segundas) a través do establecemento de subvencións económicas, da dotación de infraestruturas, da produción de materiais e recursos didácticos en formatos dixitais, na priorización de modalidades formativas alternativas utilizando as TICs, e na dinamización pedagóxica (creación de figuras como o coordinador das TICs, promotores para a incorporación das TICs...).

 

   WEBGRAFÍA.