Reflexión: unha vista ó pasado académico

O pasado mércores iniciei as clases da materia Formación e Desenvolvemento Profesional do Profesorado. Materia que elixín persoalmente para cursar neste cuarto curso do Grao en Pedagoxía,  xa que o seu nome experimentou en min unha curiosidade que espero descubrir ó longo do cuatrimestre, é dicir, todo sobre todo aquilo que repercute ó profesorado.

O xoves coa clase interactiva desta materia encomendóusenos unha primeira tarefa que consistía en realizar unha breve reflexión acerca do noso profesorado nas diferentes etapas educativas. Con isto dou continuidade á miña experiencia, formando de novo parte da Rede Social Stellae, andaina que comezou hai nin apenas un ano coa materia Tecnoloxía Educativa.

Seguramente ó contrario de moitos dos meus compañeiros pouco podo dicir sobre a miña etapa en infantil, xa que esta foi moi breve e apenas teño recordos da mesma porque simplemente cursei o último ano deste nivel. Isto debeuse a que meus pais emigraron a Suiza e dado que a etapa de infantil non era obrigatoria non querían que me acostumase nun colexio e logo terme que cambiar para outro cando retornaran porque a nosa nova residencia familiar situaríase noutro concello. Aínda que foi un ano que aconteceu moi rápido, gardo un grato recordo da miña única mestra de infantil. Era unha muller de trinta e poucos anos que sempre estaba moi atenta connosco, preocupada de que aprendésemos e tratábanos con moitísimo cariño. Aludo a ela porque como mestra empregaba unha metodoloxía de ensino-aprendizaxe moi produtiva e entretida. Para calquera tipo de aprendizaxe xa fosen letras, números ou animais contábanos contos relacionados coa temática a traballar. Encantábamos as súas historias e podo dicir que aprendín un montón de cousas grazas a ela e que o cambio de infantil a primaria apenas o notei porque tiñamos un nivel formidable. Aínda que antes non era consciente, agora podo dicir que esa muller tiña devoción por ensinar, que vivía por e para os seus alumnos, totalmente namorada da súa profesión.

Durante a primaria podo dicir que teño máis malos que bos recordos. Tanto a profesora que me impartiu o primeiro como a do terceiro ciclo de Educación Primaria sempre lles tiven moito respecto porque eran moi estritas, demasiado para a miña opinión. Refírome a isto porque só se preocupaban por transmitir coñecementos e máis coñecementos dunha forma moi rudimentaria. Ademais tiñan a costume de que os alumnos/as corrixiramos os exercicios no encerado e se tiñamos un mínimo erro xa era causa de castigo e ademais avergonzábannos na clase diante de todos os compañeiros, sen compaixón ningunha. Penso que se trataban de dúas profesoras que non tiñan vocación pola ensinanza. A forma de aprender era a base de castigos. En cambio, a de segundo ciclo era totalmente distinta, ó igual tamén ca profesora de inglés e o profesor de música que nos deron durante toda a primaria.  Os tres tiñan unha personalidade única e fantástica que conectaban co alumnado dunha maneira moi profunda. Digo isto porque eran uns mestres que espertaban o noso interese por aprender. Encantáballes que preguntásemos as nosas curiosidades e que fixésemos voar a nosa imaxinación. A ensinanza máis grande que me puideron transmitir foron acerca de valores como o compañeirismo e a solidariedade por aqueles que máis o necesitan, xa que tiña unha compañeira con síndrome de down na clase e eles sempre se involucraron moitísimo con ela, transmitíndonos esa mesma actitude ó alumnado.

A secundaria supuxo un cambio importante na miña vida pero no bo sentido. Cabe aclarar que ata a primaria estiven nun colexio semiconcertado relixioso pero logo o colexio público do concello onde antes residiamos, ampliou a liña de transporte noutros lugares e meus pais decidiron cambiarme porque sempre quixeran mandarme a ese colexio pero as circunstancias non o permitiran anteriormente. Foi un cambio bastante radical pero como dixen moi positivo porque pasei dun colexio urbano a un  nun contexto totalmente rural. Sen embargo, creo que foi a miña mellor etapa educativa e gardo moi bos recordos de todos os mestres en xeral. Eramos unha gran familia porque tanto mestres como alumnos pasabamos dende as dez da maña ata as cinco da tarde xuntos, senón era en clase, era no recreo ou no comedor. Moito do que son hoxe débollo a eles. Sempre estaban moi atentados porque aprendésemos, preocupados por se tiñamos algún problema alleo ó estritamente académico e sempre moi involucrados e preocupados polas familias. Síntome incapaz de destacar un nome porque dende a profesora de Historia ata o de Inglés foron estupendos e recórdoos a todos con especial cariño. Cando rematei a ESO, tiven que cambiarme para un instituto porque no colexio que estaba só había ata a ensinanza obrigatoria pero dende aquel entón boteinos moito de menos porque foi un cambio bastante drástico. Sen embargo, manteño contacto con case todos eses mestres e cando os vou visitar polo colexio sempre me reciben coas portas abertas e tendéndome a súa man para todo o que necesite sexa da carreira ou doutra índole.

Como ben dixen o Bacharelato foi un cambio radical en canto ó profesorado. A relación profesor-alumno era moito máis distante. En xeral, os profesores centrábanse no seu papel de transmisor de coñecementos de cada materia e a relación non ía máis aló. Totalmente distinto do que viña acostumada. Sen embargo, penso que houbo unha excepción no profesor de Historia de segundo de bacharelato. Historia sempre foi unha das miñas materias favoritas pero con el converteuse aínda máis. As clases con este profesor eran moi amenas e interesantes a pesar de que a temática da materia non o parecese. Gustábame porque a parte de ser profesor tamén era historiador e escritor. O que me encantaba del é que por exemplo se explicaba o tema da Guerra Civil española, contábanos anécdotas sobre como se vivirá a guerra no noso pobo e o partir do noso contexto mostrabamos moitísimo máis interese. Eu penso que a parte de que lle gustaba contarnos historias, utilizábao como estratexia de aprendizaxe, é dicir, espertaba o noso interese cun conto e a partir de ahí pois introducía a materia.

 Na universidade, a relacións de profesores e alumnos víronse máis alteradas todavía. Isto penso que se debe a que existen moitas materias en curtos períodos de tempo e o cambio continuo de profesorado está á orde do día e tamén afecta. Son unha serie de circunstancias que impiden un contacto máis individualizado. Sen embargo, de momento teño dous profesores favoritos por excelencia a profesora de Psicoloxía do Desenvolvemento e o de Educación Comparada. Foron dúas persoas que se preocuparon pola nosa formación, sen importarlles as veces que tiñan que repetirnos as cousas e porque se involucraron moitísimo porque aprendesemos o traballo práctico máis que o teórico e por iso xa me ganaron.

En definitiva, podo dicir que esta reflexión me permitiu analizar a miña experiencia académica co profesorado nos diversos niveis educativos, os cambios que fun percibindo co paso do tempo e tamén as boas e malas experiencias. Unha primeira tarefa da cal creo que nos vai servir moitísimo para comprender os diferentes aspectos que conforman a temática desta materia.

 

Comentarios

  • Lourdes Montero

    A curiosidade por saber sobre o profesorado é fantástica. Confio en que a satisfagas e continúes explorando nas túas concepcións previas . Traballaremos hoxe sobre todo isto e continuaremos esta conversa xa iniciada.

    Ánimo Adriana

    Lourdes