Cantos profesores hai no mundo? En España? En Galicia?

        1. Cantos profesores hai no mundo? En España? En Galicia?

En canto ao número de profesores existentes no mundo non puiden atopar cifras relativas aos mesmos. Sen embargo en España, segundo datos que extraemos da páxina do ministerio de educación, cultura e deporte  podemos dicir que no ano 2013-2014, o número de profesores de centros públicos e privados ou concertados non universitarios, ascende a un total de 670.778, entre os que se atopan mestres, catedráticos e profesores de ensinanza secundaria e profesores técnicos de F.P. En canto aos docentes que existían entre o ano 2010-2011 na ensinanza universitaria no conxunto do territorio español, o número ascende a 130.116 docentes segundo datos do Instituto Nacional de Estadística (I.N.E).

No tocante ao noso ámbito máis próximo como é  Galicia, segundo datos extraídos do Instituto Nacional de Estadística (I.N.E), podemos dicir que no ano 2011-2012 esta Comunidade Autónoma contaba cun total de 36.865 profesores e profesoras, nos centros públicos e privados de ensinanza non universitaria, sen contar cos docentes do primeiro ciclo de Educación Infantil dos que non se dispuñan datos. En canto aos centros universitarios galegos tanto públicos como privados, contan no ano 2009-2010 con un total de 6.054 profesores e profesoras.

Co que concluímos que en total, sen contar os docentes de primeiro nivel de Educación Infantil, hai 42.919 docentes en Galicia tanto da ensinanza universitaria como non universitaria.

      2.      Cantos profesores tivemos ao longo da nosa vida?

Ata o momento ao redor de 68 docentes impartíronme clase ao longo da miña vida na educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e non obrigatoria e na educación universitaria.

      3.      Vivencia de experiencias persoais? Como nos afectaron?

Compartirei unha experiencia negativa e outra positiva que me suceden en dous niveis educativos diferentes. A primeira vivencia é negativa e sucédeme en terceiro de primaria durante o transcurso da clase de lingua castelá, cando despois dun ditado debemos de pasar un a un pola mesa da profesora a ensinar o exercicio elaborado. Cando chega a miña quenda, a profesora escandalízase e di en voz alta unha falta de ortografía (da cal non me lembro) que cometo nese ditado avergonzándome diante dos meus compañeiros, e por se non fora suficiente a reacción da profesora e darme un bofetón, do cal hoxe en día aínda recordo a súa intensidade.

A consecuencia máis inmediata desta experiencia foi que durante os dous anos que esta profesora me impartiu clase, acudía ás mesmas con medo, tiña pánico a volver equivocarm, nunca me atrevía a participar e nin moito menos a preguntar dúbidas.

Unha experiencia positiva, ocorreume en primeiro da E.S.O na clase de matemáticas. As miñas cualificacións nas matemáticas ata aquel entonces eran polo xeral baixas, xa que me custaba moito entendelas e manexalas, sen embargo este profesor conseguiu non só que estas cualificacións fosen mellores, se non que tamén espertou en min o interese e curiosidade polas mesmas. Ademais tanto durante as clases como despois delas, sempre me ofrecía axuda e se preocupaba de que seguise correctamente as explicacións que nos daba.

A consecuencia e influencia deste profesor en min foi moi notable, pois non só logrou que aprobase as matemáticas, se non a miña motivación con respecto as elas e a outras áreas curriculares fose moi alta, o que fixo que ganase en confianza en min mesma.

        4.      Cómo pedagogos como podemos desenvolvernos neste campo?

Baixo o meu punto de vista e dende a experiencia que fun adquirindo na miña formación como pedagoga ao longo destes anos, creo que as actividades, funcións ou compromisos dun pedagogo no campo do profesorado son diversos, múltiples e complexos á vez. Así penso que algunhas das funcións do pedagogo/a neste ámbito son:

-  Proporcionarlle asesoramento aos docentes sobre as problemáticas específicas que padecen os seus alumnos e das que carecen coñecemento.

-  Facilitar o desempeño das funcións cotiás dos profesionais, propoñéndolle alternativas aos seus modelos de traballo se estes non se axustan as características do seu alumnado, así como crear unha cultura de traballo conxunto e en equipo, evitando deste xeito o individualismo e mellorar o clima do centro.

-  Avaliar as prácticas educativas que desempeñan os docentes na aula, co fin de introducir propostas de mellora.

-  Facer un seguimento continuado das prácticas que se lle recomenda ao profesorado que implante no seu día a día, para deste xeito modificalas ou adaptalas segundo os resultados que se obteñan.

-  Poder detectar necesidades relativas ao desenvolvemento da tarefa docente e ser capaces de deseñar plans e programas respectivos para responder ás mesmas.

-  Poñer en marcha programas de formación destinados ao profesorado para contribuír a súa formación continua.

-  Proporcionarlle aos docentes o último coñecemento sobre lexislación e formación dispoñible e de interese.

-  Ofrecer apoio aos profesionais docentes que acaban de incorporarse ao mercado laboral, co obxectivo de axudar a superar as dificultades iniciais.

-  Axudar a que os docentes máis antigos na profesión renoven as súas prácticas e contidos co fin de ofrecer unha educación máis adaptada á realidade social e cultural.

-  Investigar sobre as prácticas educativas máis adecuadas aos profesionais cos que traballamos e o entorno no que se atopan.

       5.      Qué concepción temos sobre os docentes?

Dende a miña opinión persoal a figura que desenvolve na actualidade o docente, é clave para o desenvolvemento persoal de cada individuo. Deste xeito penso que os docentes levan a cabo un papel moi importante dentro do texido social, pois son eles  os encargados de formar ás persoas do presente con competencias e habilidades clave para un futuro cambiante e incerto. Así pois, son os axentes responsables de que os seus alumnos/as se formen en valores fundamentais para poder desenvolverse como persoas nunha sociedade democrática, de participación, creativa, competitiva, cambiante, polivalente etc.

Ademais estes profesionais deben de ter en conta que as accións educativas individualizadas, personalizadas e colectivas tanto explícitas como implícitas (transmisión de valores, actitudes respectuosas...), que leven a cabo cos seus alumnos, influirán na creación dunha sociedade determinada. Polo tanto, todas as accións que se desenvolvan tanto dentro como fóra da aula, contribúen a creación unha sociedade cuns valores imperantes. Ao mesmo tempo, tamén deberán de saber potenciar os aspectos máis salientables de cada alumno e saber axudarlles nas súas dificultades ou carencias.

Ademais deben de ser profesionais que saiban transmitir os contidos, actitudes, valores, etc. adecuados a cada nivel. Deben de ter motivación, interese, vocación e incluso paixón polo seu traballo. Deste xeito os profesionais deberán de afrontar a formación continua con motivación, e entendela como un aspecto esencial sen o cal non se podería desempeñar de forma óptima a súa labor.

Por unha banda creo que os profesionais que se dediquen a docencia, deben de estar dispostos a reflexionar continuamente sobre as súas propias prácticas profesionais (contidos, metodoloxía, papel profesor alumno, recursos...),  para evitar caer en modelos clásicos ou intuitivos de ensino – aprendizaxe.

Ao mesmo tempo, deben saber ler as necesidades dos alumnos e as necesidades da sociedade actual, para adaptarse ás mesmas e que os nenos nun futuro poidan desenvolverse nela.

Por outra banda entendo que actualmente estes profesionais sofren o peso das lexislacións, que consenten a carga laboral do profesorado de todos os niveis educativos, o que vai en detrimento da calidade da educación que imparten. Este pode ser o motivo polo cal os docentes non acaban de incorporar prácticas que para min son moi importantes na súa profesión como: a escasa cultura de avaliación tanto interna como externa, que en xeral teñen os docentes no noso país, pois non dispoñen do tempo suficiente para poder levalas a cabo, polo que as observan con reticencia ou rexeitamento, ou tamén no escaso traballo interdisciplinar que existe nos centros ou na pouca axuda que ofrecen os profesionais máis experimentados a aqueles que se acaban de incorporar a esta profesión.

Se a todo isto lle sumamos o escaso recoñecemento social dos docentes no noso país, así como o traballo celularista que en xeral desempeñan os docentes nos seus postos laborais, acaban favorecendo a aparición de patoloxías características desta profesión como depresión, alto nivel de estrés ou o síndrome do profesor queimado.

 

 

Fontes consultadas:

http://www.mecd.gob.es/servicios-al-ciudadano-mecd/dms/mecd/servicios-al-ciudadano-mecd/estadisticas/educacion/indicadores-publicaciones-sintesis/datos-cifras/Datosycifras1415.pdf

http://www.ine.es/jaxi/tabla.do

http://www.ine.es/jaxi/tabla.do