Historias previas

   Aprendemos. Aprendemos dende o momento de nacer e na medida en que noso desenvolvemento psicoevolutivo nolo permite. Podemos facelo de diversas formas pero o certo é que en moitas ocasións, ligado ó proceso de aprendizaxe está o de ensino, e vinculado ós procesos de ensino aparece a figura do docente.

  Esta figura permanece no tempo acompañándonos intermitentemente ó longo de boa parte da nosa a vida. Tendo en conta os mestres de Educación Infantil e Primaria, os profesores da ESO, os de BAC, os da universidade, de todas as asignaturas, os substitutos, os que impartiron docencia varios anos....parece case imposible facer a conta do número total de docentes. Ademais tampouco sería xusto que todas estas persoas rematasen por converterse nun simple número na nosa traxectoria académica; pola importante labor que desempeñaron (ou a lo menos intentaron desempeñar) e tamén pola súa transcendencia na vida persoal e escolar do alumnado, sen facer distincións de aqueles que destacan pola seu magnífico traballo e os que nos deixaron indiferentes.

  No meu caso concreto (como no da maioría das persoas) existen boas e malas experiencias relacionadas cos centros educativos, asociadas directamente a algúns profesores. Aínda que as malas vivencias non se esquecen, estas, de ningunha maneira se consideran determinantes a nivel persoal, pois creo que as positivas, son as máis enriquecedoras, e polo tanto, son as que merece a pena compartir.

   Lembro á miña primeira mestra, chamábase Carme. Era unha muller paciente e cariñosa, que non tiña problema en coller no colo a calquera neno que se mancase ou que se atopase mal, en cambiar a alguén que se mollara no patio ou en axudar a desabrochar eses complicadísimos botóns que tiñan os pantalóns baqueiros. Tampouco en reprender a aqueles que pegaban ós compañeiros ou rompían o material. Neste sentido desempeñou unha labor máis de “nai” que de mestra, pois o primeiro curso de educación infantil, para os que non acudiron a gardería, é o primeiro momento no que se pasa tanto tempo lonxe da familia. Aínda así, este rol perfectamente desempeñado complementábase a perfección co de docente, levando a cabo unha dinámica nas clases na que tiña cabida tempos de asamblea (na que se organizaban as clases), de lectura (libros que traíamos da casa ou que estaban xa no centro), de xogo libre e de traballo (en mesas circulares de uns 5 ou 6 alumnos). A miúdo estes dous últimos tempos mesturábanse pois moitas das aprendizaxes asimiladas foron a través do xogo (ex: pezas de madeira coas que se xogaba a clasificar a clasificar en función de formas, tamaños cores etc.).

   Outra das figuras importantes dentro do entorno escolar, foi unha mestra de 1º de Primaria, Pilar. A principios deste curso case todos os nenos estaban aprendendo a ler. O meu ritmo de aprendizaxe era anormalmente lento, pois aínda que outros nenos tamén tiñan algunhas dificultades, en ningún caso eran tan acusadas. Tras unha detida observación esta mestra decatouse de que apenas podía distinguir as letras no encerado, incluso estando en primeira fila. A través dunha reunión comunicoulle a miña nai que posiblemente tivera algún problema de visión que me impedía ver con nitidez as letras no encerado, do que se derivarían as dificultades da lectoescritura. Unha revisión no oculista amosou que efectivamente tiña miopía, un par de diotrías en cada ollo. Tras poñerme unhas lentes coa graduación axeitada, e co apoio particular da mestra, a final de curso o meu nivel de lectoescritura era igual ou moi similar que o do resto do grupo. Foi moi importante a axuda desta mestra, pois no colexio non había un profesor de educación especial que puidera analizar o meu caso e facer un diagnóstico pertinente. De ter pasado máis tempo, posiblemente as dificultades irían en aumento, non so a nivel académico, se non a nivel social, pois un neno de seguida se dá conta de se ten un nivel notablemente inferior ó do resto e isto podería derivar en complexos ou discriminacións.

  Estas son dúas das experiencias máis significativas (non as únicas) dos anos da infancia. Anos nos que as relacións cos docentes son máis persoais e cercanas que durante a ESO ou o BAC, de aí a escolla das mesmas para esta entrada.