Podemos dicir que a Wikipedia non é fiable?

   Boas noites a todos/as!

   Despois da visita desta tarde, creo que a pregunta ca que comezo esta entrada está máis que respondida. A charla desta tarde, impartida por Jorge Sierra, foi de gran interese, e, sobre todo, tendo en conta que nun breve espazo de tempo (iso espero), exerceremos como docentes, e a Wikipedia, é algo que o alumnado visita diariamente ou case a cotío, polo que debemos de coñecer como funciona, por que se creou, quen a constitúe..., e moitas máis cousas que puidemos aprender neste día.

   Foron 3 horas, pero en realidade, o tempo pasou moi rápido, e iso é por algo. Ademais do contido, do cal puidemos aprender moito, a forma de explicalo en si, foi moi amena, xa que se estableceu, en moitos casos, unha conversa entre Jorge e nós, ao mesmo nivel (non de contidos e de coñecemento, senón de formalidade ou informalidade), é dicir, non tiña reparo de ningún tipo en que o pararamos se tiñamos algunha dúbida, de respondernos..., mostrounos moita confianza, e iso tamén é de agradecer.

   Aprendemos que na Wikipedia se almacena un montón de saber, que a xente de forma altruísta, vai acumulando co paso do tempo, e si, aínda que resulte incrible, ALTRUISTAMENTE. Penso, que isto é algo que debemos de ter en conta, e a mellor forma de premiar este "esforzo" (que para este colectivo non parece que sexa tanto esforzo, xa que moitas persoas o toman como un hobby, tal e como nos explicou Jorge), é colaborar con eles e seguir acumulando, editando, corrixindo..., todo o que nas nosas mans sexa posible dentro desta enciclopedia libre (e sempre referenciándoo). A sabedoría é algo que se debe de compartir, e nós, como futuros docentes, debemos de promovelo.