O retorno dos profesores

Fai pouco que comecei a miña andaina coa materia Formación e desenvolvemento profesional do profesorado pero está sendo o tempo suficiente para que as inquedanzas empecen a florecer.  Iso foi o que me aconteceu na clase interactiva do xoves pasado, en concreto, coa temática e experimento relacionado co “retorno dos profesores” de Novoa, sobre o cal quixen indagar e reflexionar con esta nova entrada á rede social stellae.

Coa posta en marcha do experimento tiven a oportunidade de reflexionar acerca da posición e status o cal foi relegado o profesorado durante case cen anos, é dicir, como un mero complemento diso ó que chamamos: sistema educativo. Nos últimos séculos, importantes cambios e avances se foron producindo e sucedendo no eido educativo, en concreto, dúas grandes revolucións tiveron lugar en España, a do século XX e XXI nas cales os cambios sociais, culturais, tecnolóxicos e a necesidade de instaurar unha nova pedagoxía, deixaron en penumbra e ensombrecida á figura do profesorado.

De acordo con Novoa, o feito de que a instauración de numerosas, diferentes e sucesivas reformas estruturais, curriculares e de xestión de centros provocaron que se tiveran máis en conta as tarefas burocráticas de obrigatoriedade para o profesorado, en vez de poder preocuparse pola ensinanza e o alumnado. Reformas que non foron máis aló do estritamente estrutural e organizativo, as cales, en ningún momento fixeron alusión explicitamente a figura do profesorado en xeral e a importancia da súa formación en particular.

As consecuencias desta situación están presentando na actualidade maiores necesidades educativas que non só salpican ó sistema e o alumnado senón tamén ó  propio profesorado. Refírome a isto porque cando os cambios, as reformas e leis empeoran a práctica e cando se reclama a participación docente e polo tanto como ben di Novoa o “retorno dos profesores”. O problema radica en que o profesorado simbolicamente non se sinte forte mental e espiritualmente para afrontar este reto. A situación que lle tocou vivir non era grata, polo que os denigrou profesionalmente, converténdoos en entes sen paixón, sen interese e inseguros. Relegáronos a asumir unhas obrigacións que os afastaron da súa realidade, perdendo así a súa vocación.

Estou totalmente de acordo de que a sociedade está cambiando e evolucionando dunha forma moi rápida e constante e que precisa dunha educación que os axude a medrar, vivir e formarse, polo que é preciso contar con profesores que posúan as habilidades, capacidades e actitudes pertinentes para logralo. Sen embargo, isto non será posible ata que a política e as administracións ofrecen formación e liberdade de actuación ós profesores no campo que lles corresponde pero isto non acontecerá ata que se integre o concepto de “boa ensinanza” basado no aprendizaxe continuo, o que lle permitirá ó profesorado atopar solucións e respostas os retos actuais, así como de anticiparse ós cambios sociais, ás exixencias e necesidades presentes na sociedade, é dicir, dominios esenciais para o "docente de hoxe".

Polo tanto, creo que é importantísimo proporcionar un desenvolvemento persoal e profesional se pretendemos que o profesorado volva a ocupar o seu lugar, facendo fronte as súas funcións con total liberdade e de novo posicionándome a favor de Novoa creo que é o momento de que chegue esa nova e ansiada profesionalidade docente que tan esquecida se atopaba.

Por último, comparto a seguinte viñeta como exemplo do ata agora mencionado. Penso que a docencia é unha aventura continua, que constantemente nos presenta novos retos, sobre os cales debemos reflexionar antes de actuar, sendo unha obrigada de todos os profesionais da educación afrontalos e sacar o mellor proveito de todos eles, pois só así medraremos e avanzaremos.

 

image 

BIBLIOGRAFÍA:

Nóvoa, A. (2011). El regreso de los profesores.

Hernández Álvarez, J.L (2004). La formación del profesorado. Madrid: Universidad Autónoma de Madrid.

Imagen recuperada de: http://sombrainquieta.blogspot.com.es/2010/07/la-aventura-de-ser-docente.html