Día 5 de outubro, Día mundial do docente

Día 5 de outubro, Día mundial do Docente

A profesora de Pedagoxía Aurelia Gutiérrez Blanchard, defensora das correntes da nova escola europea, foi asasinada o 24 de agosto de 1936. A mestra Ángela Alonso de Valladolid foi castigada por "revelar secretos da maternidade" ao seu alumnado no 1939. O profesor de Aritmética e alcalde republicano de Valladolid, Federico Landrove, morreu nun penal de Segovia. Seu fillo, catedrático de Dereito Procesal, deputado e abogado de Estado, foi fusilado tras un Consello de Guerra o 15 de agosto de 1936.

A Segunda República universalizara a Educación, laica e gratuíta, outorgándolle un papel predominante dentro das Políticas Sociais. Tras o Golpe de Estado de xullo do 1936, a Igrexa e o Exército dispostas a dominar o país, consideraron ao maxisterio como unha ameaza. Preto de 20.000 mestres e mestras, profesores e profesoras de instituto e da Universidade foron represaliados ata finais da Guerra Civil.

Segundo a páxina web da INTEF (Instituto  Nacional de Tecnoloxías) a UNESCO instaurou o 5 de outubro como Día mundial dos/as docentes.  O pasado domingo rendíaselles homenaxe aos mestres e profesores/as  así como ao seu papel nunha educación de calidade e aprovéitase na páxina para facer  unha chamada de atención sobre a súa situación actual, condicións laborais e ás necesidades dos países onde a contratación dos educadores non avanza ao mesmo ritmo que o aumento da matrícula. Mais eu quero adicarlle este día a aqueles mestres que foron represaliados e asasinados, en mans de xente que berraba “Muera la intelectualidad traidora, Viva la muerte”(cita do militar fundador da Falange Española  José Millán-Astray y Terreros, nun encontronazo co reitor da Universidade de Salamanca, o filósofo e novelista Miguel de Unamuno, o 12 de outubro do 1936). ¿Por que? Porque penso que é un tema aínda non superado no Estado Español mediante outras formas de control e censura:

Segundo o lema de Intered: A educación é a primeira condición para a liberdade, a democracia e o desenvolvemento sostible. E , efectivamente, como antaño, aínda hoxe en día a Educación é motivo de medo e pánico para algúns sectores poderosos da nosa sociedade  aos que non lles interesa que o pobo teña conciencia crítica, difícil de manexar, onde os rapaces poidan ir á Universidade sen que isto lles supoña un soño inalcanzable, onde non se convertan en man de obra para os ricos que si se puideron costear os seus estudos universitarios. En definitiva teñen medo a un pobo libre.

Brétema Parras Vázquez

 

Enlaces web de interese:
http://www.ite.educacion.es/es/inicio/noticias-de-interes/937-5-de-octubre-dia-mundial-de-los-docentes

http://www.publico.es/politica/508552/la-universidad-recuerda-a-los-docentes-represaliados-por-el-franquismo

http://mpecellin.blogspot.com.es/2011/10/maestros-represaliados-durante-el.html

Comentarios

  • Olaia Gude Urdangarín

    Boas Brétema, dende o meu parecer, enfocaches dun xeito diferente o día dos docentes; un modo máis que centrado únicamente na educación, como moitos de nós fixemos, centrado no seu perfil máis social e reivindicativo. Este enfoque, é moi importante, pois non debemos esquecer que grazas á vida e ó sufrimento de moitos docentes e eruditos, podemos estar onde hoxe en día nos atopamos, polo que, facer referencia a eles paréceme sumamente acertado; deste xeito tamén debemos entender que, as nosas loitas de hoxe, permitirán a construcción dun mañá mellor.

    Grazas e saudos!

  • Lourdes Montero

    Di Hannah Arendt que, contra o que pode pensarse, é o futuro o que nos leva ao pasado. Como educadores temos unha historia da educación moi rica que debería axudarnos a potenciar sempre, contra vento e mareas, a enorme importancia da educación e a formación para facer do mundo en que vivimos un lugar habitable para todos os seres humanos.

    A Segunda República truxo, entre outras melloras en educación, un paso adiante na formación e na consideración do profesorado. Entre outras medidas, o Plan de Formación de 1931 foi unha avanzadilla da necesidade dunha formación de calidade para mestres e mestras.

    Saúdos

    Lourdes