Saturación TIC?

 

Estou realizando as miñas prácticas de 4º do Grao en  mestre de primaria nunha aula na que se está a desenvolver o programa ABALAR e estreando os libros dixitais. Teño a sorte de estar aprendendo dunha titora sumamente traballadora, que se preocupou por que a súa formación en tecnoloxía e en relación a este tipo de proxectos sexa a adoitada e aínda así comparto a opinión de algún dos meus compañeiros cando recae a dúbida: demasiada tecnoloxía nas aulas é bo ou prexudicial para o desenvolvemento normal das clases?

Na miña experiencia durante a primeira semana de Prácticas podo afirmar que nesta aula existe unha saturación de recursos enorme.

Quero resaltar a enorme profesionalidade da titora que está levando a cabo a docencia neste 5º, que está facendo un traballo impresionante fronte a todos os obstáculos que se vai atopando. Os nenos/as contan cada un co seu portátil, cada día precísanse polo menos 15 minutos para conseguir que a todos lles funcione, que as claves sexan as correctas, que o ordenador cargara ben e non teñan un 10% de batería á segunda hora de clase etc…

Os problemas son incontables. A resposta por parte de quen debería ser responsable destes proxectos, nula. Hai nenos/as cuxas contas non recoñecen o seu nome, ordenadores cunha lentitude que fai non sexa factible o seu uso… Todo isto fai perder infinidade de tempo durante o transcurso do día.

En canto aos libros dixitais, no caso do elixido para esta clase, os contidos están bastante resumidos, tendo que agregarlle multitude de explicacións para que os nenos/as os entendan. Non é demasiado intuitivo, as actividades que propón soen ser propostas que precisan moito tempo para ser desenvolvidas (a maioría son grupais, de construción de maquetas, debuxos, montaxes con programas informáticos …) non quero dicir que non sexan interesantes, de feito, a maioría desenvolven competencias transversais e as aprendizaxes poden ser moi completas, pero non existen apenas actividades que poidan ser feitas no momento.

Outro problema existente en canto aos libros dixitais é que moitas familias non contan con ordenadores ou internet nas casas. Polo tanto teñen que levar os chamados “ultraportátiles” que utilizan na escola para estudar ou realizar tarefas nas súas respectivas casas. Isto, nestes momentos é imposible, xa que é necesario realizar un contrato que asine centro e pais de responsabilidade sobre os ordenadores. Nestes momentos aínda non está confeccionado dito contrato por quen ten a responsabilidade de facelo, polo tanto outra traba máis. A mestra vese co problema de non poder dar as claves para as casas a todos os nenos/as ata que os que precisen levar os ordenadores da escola teñan firmado os contratos. Polo tanto, seguen sen poder consultar os libros na casa. A mestra está a resolver este asunto enviando fotocopiado o tema para que poidan consultalo ou facer determinadas tarefas na casa.

Fronte a todas estas desvantaxes, sempre cabe analizar o positivo, neste caso estes alumnos están acadando unha competencia en TIC moi alta, o manexo de programas por parte dos nenos/as é espectacular. A aprendizaxe faise moito máis interactiva, fomenta que os nenos/as busquen, indaguen sobre diferentes temas que lles van aparecendo utilizando Internet, por exemplo.

A miña opinión é que hai moito que mellorar, en canto aos problemas técnicos derivados da incorporación da tecnoloxía ás aulas, pero creo, pese a todo, que sí merece a pena. Observo nenos/as con 9-10 anos que utilizan páxinas como a da RAG, Wikipedia, buscadores de información … de forma habitual, ferramentas que lles serán sumamente útiles no seu futuro e habilidades que poderán aproveitar ao longo de toda a súa vida. Ao mesmo tempo, as aprendizaxes son moito máis visuais e interactivas para eles por medio da tecnoloxía