"Identidades en proceso de formación"

image

Este artigo “Identidades en proceso de formación”, de María Adelina Castañeda Salgado (profesora e investigadora da Universidade Pedagóxica Nacional de México), podémolo atopar publicado na revista Cadernos de Pedagoxía, no número 436 correspondente aos meses de xullo-agosto do ano 2013. Nas seguintes liñas faremos unha breve reflexión sobre o mencionado artigo, o cal trata sobre a identidade profesional intentando dar resposta a todos os elementos que interveñen na formación desta. Dita reflexión foi elaborada por Noelia Castiñeiras Seco, Carla Deira Noya, Estefanía Pereira González e Raquel Rodríguez Paz.

En canto á temática abordada, a constitución da identidade profesional ten en si mesma uns elementos vinculados á formación, os cales son:

-          A propia identidade na formación.

-          O significado de formarse.

-          O quefacer docente.

-          A identidade narrativa en procesos de formación.

Outros dos aspectos a destacar é que a propia identidade constrúese tanto dende unha perspectiva exterior (onde se confrontan as experiencias de un mesmo cas dos demais), como dende unha perspectiva interior (o suxeito é o encargado de formarse pouco a pouco ao longo de toda a vida para chegar a crear a súa propia identidade). Por todo isto, como ben afirma Castañeda (2013, p.15) “la identidad no es estable ni permanente, sino que se construye y reconstruye, en el curso de la vida personal y profesional” , en función das experiencias vividas, valores, habilidades, desexos, aspiracións, etc. Con todo o dito anteriormente, de maneira subxectiva vamos interiorizando as nosas experiencias e converténdonos en quen realmente somos.

Unindo a formación, as experiencias e a subxectividade de cada profesional docente, podemos obter como resultado diferentes tipos de relación, os cales dan lugar á formación da propia identidade, dentro da cal se poden establecer catro tipos ben diferenciados: “biográfica para os outros” (situarse nunha xeración en un grupo de referencia), “relación para os outros” (os individuos identifícanse segundo as súas funcións, obrigas, papeis asumidos…), “relación para si” (autorreflexión da propia identidade), e “biográfica para si” (replantexamento sobre o que un é, como se ve e como se fai recoñecer).

Un elemento a ter en conta á hora de abordar a identidade profesional é o que ten que ver coa formación, a cal debe ser un proceso permanente que se modifique e atenda ás necesidades e demandas da sociedade na que se ve inmersa, ao mesmo tempo que esta preparación lle aporta aos mestres e mestras experiencia práctica, na cal conflúen compoñentes de carácter afectivo, cognitivo e ético.

Outro aspecto importante na formación desta identidade é o relacionado co quefacer docente, onde se describen factores positivos e negativos. Por unha banda, os positivos pretenden unir nexos entre o desexo de ser docente coas expectativas previas, por exemplo, entre estas podemos destacar a busca de autonomía, a capacidade innovadora, etc. Por la súa banda, a través dos factores negativos pódese evidenciar a problemática actual e real que presenta a docencia, por exemplo, a infravaloración da profesión docente, o malestar dos mestres, etc.

Por último, no artigo analizado faise referencia aos relatos de docentes entendidos por Castañeda (2013, p. 17) como un “recurso de formación y estrategia de conocimiento, pueden contribuír a fortalecer una identidad positiva con la profesión al propiciar que analicen situaciones vividas en la práctica docente, experimenten las reformas curriculares como espacios de formación…”, entendendo que esta ferramenta aporta elementos de información destinados aos docentes coa finalidade de poder mellorar e saber dar resposta a cuestións como quen son?, que son eu fronte ao outro?, como son?...

 image