A miña relación coa tecnoloxía

Á tan querida como odiada Tecnoloxía:

A miña relación coa tecnoloxía foi mudando a pasos axigantados, sobre todo nos últimos anos, ao igual que o facía con toda a sociedade.

Case sen darme de conta, actualmente, emprego a tecnoloxía para practicamente todo o que fago no meu día a día.

Recordo, aínda, cando só existía un teléfono público na aldea, e a maioría dos veciños tiñan que servirse del como único medio para comunicarse cos seus familiares e amigos. Agora, practicamente tódolos veciños levan a cotío o seu teléfono móbil no peto e ,a maioría, instalou Internet na casa. Aínda así, neste contexto rural no que vivo, aínda hai moita xente que se resiste a achegarse á tecnoloxía, panorama moi diferente ó que podemos observar en contextos urbanos. Moitas veces, isto débese á falta de interese e a que non se ve como unha necesidade, pero outras moitas, ten que ver co feito de que segue sen ser igual de doado acceder á tecnoloxía dende o medio rural.

Pero, con todo, dun xeito ou outro, a tecnoloxía está a chegar a tódolos recunchos e ámbitos, pero non sempre a sabemos empregar correcta e positivamente.   

Fai uns anos, recordo, nunha visita ó hospital, un enorme balbordo nó departamento de pediatría, cativos correndo dun lado pro outro, recunchos dos xogos abarrotados, etc.

Fai un mes, tocoume regresar ao mesmo lugar. Pero o panorama era ben diferente. Non había apenas ruído, tan só se oía falar aos país entre si e algún que outro cativo chorando. Pero a maioría, por non dicir todos, os cativos que alí estaban permanecían sentados, calados coas tabletas na man. Nenos de 2 anos ata 12. Era mais molesto, si, pero sen dubida, eu preferiría aquela outra estampa de nenos correndo, xogando e falando entre eles.

Velaquí un claro exemplo dun mal uso, ó meu parecer, da tecnoloxía. Os pais seguro que estaban mais tranquilos cos fillos controlados e xogando coa tableta tranquilamente, pero isto sería máis beneficioso para eles que xogar cos demais nenos, relacionarse e correr? Teño as miñas dúbidas. Antepoñemos así a comodidade que nos ofrece a tecnoloxía a outros aspectos que deixamos totalmente de lado, nin sequera o pensamos, pois, se o emprega todo o mundo, nos tamén teremos que facelo, non?

Pero a tecnoloxía tamén me trouxo grandes comodidades á miña vida, para qué negalo.

Dende que esperto, grazas ao meu  teléfono móbil, comezo a empregala. Ofréceme a oportunidade de coñecer aquilo que está a suceder na miña contorna e tamén daquilo que sucede a miles e miles de quilómetros no mesmo instante no que acontece, permíteme falar en todo momento coas persoas da miña contorna e con aqueles que me gustaría ver mais, buscar, transmitir, manexar, modificar información que preciso en todo instante, entregar traballos, solicitudes, papeis sen necesidade de achegarme aos lugares concretos, consultar apuntes e comunicarme cos meus profesores sen necesidade de coincidir en lugares e tempos...

Pero, como en todo, sigo vendo cousas positivas e negativas en isto que me ofrece.

Gústame que me permita falar cos meus amigos en calquera momento que me apeteza, están onde estea. Mais, son moitas as veces que, por empregar a tecnoloxía, deixei de lado a posibilidade de velos cara a cara. En numerosas ocasións, tomando un café con alguén, comuniqueime mais coa persoa que estaba por teléfono que coa que tiña cara a cara. Incluso cambiamos moitas veces os lugares onde reunirnos, pois preferiremos un bar que teña conexión wifi que outro que non nos preste este servizo.

O feito de poder adquirir calquera información que precise en calquera momento  fai que moitas veces utilicemos esta información no momento e logo a desbotemos, esquecéndonos dela, en ,lugar de servirnos dela para aprender.

Penso que, como todo, será boa ou mala dependendo do uso que lle demos. Asi que, visto os grandes avances que a tecnoloxía está a ofrecernos, xa nos vai sendo horas de aprender de verdade a empregarla, e non deixarnos levar polas comodidades e facilidades que nos ofrece, sen mais. Ensinarlle a eses cativos de dous anos do hospital os beneficios que lle pode ofrecer, pero tamén ensinarlle que hai momentos e ocasións para empregala e  que hai moitas máis cousas para pasar o tempo e aprender que unha tableta.

O problema non o ten a tecnoloxía, senón nos que a usamos, que collemos todo o que nos dá sen reflexionar, sen aprender dela. Somos nos quen lle damos un uso negativo, en lugar de empregala para mellorar as nosas vidas.  

A tecnoloxía so nos está a ofrecer comodidades, pero teremos que ser nós os que decidamos empregalas ben ou excedernos no seu uso.

 

            Nazaret Suárez, aprendiz constante da Tecnoloxía.