Información-Coñecemento

Na última sesión expositiva da materia de Tecnoloxía Educativa, a do martes 17 de Marzo, tratamos o tema das diferenzas que teñen os conceptos de información e de coñecemento. Facendo un primeiro achegamento, o Dicionario da Real Academia Española (RAE) fala da información como “acción e efecto de informar”, así como a “comunicación ou adquisición de coñecementos que permiten ampliar ou precisar os que se posúen sobre unha materia determinada”; sobre o concepto de coñecemento dinos que éa “acción ou efecto de coñecer”, así como “intelixencia, entendemento ou sabedoría”.

En relación a isto, dábaselle unha gran importancia ao proceso na adquisición do coñecemento, proceso que estamos desenvolvendo todos nesta rede social que é o Stellae, dándonos a oportunidade de aprender de forma autónoma e responsable de todos os integrantes da mesma. Este proceso baséase na reflexión sobre as aprendizaxes significativas.

Non toda información é rexeitable xa que a posibilidade de ter acceso a ela é o que a permite empregar ou non, seleccionala ou non, todo o que sexa de proveito para a nosa construción de coñecementos. Tamén nos dá a posibilidade de ampliarmos a nosa perspectiva ou punto de vista sobre un tema que con anterioridade non imaxináramos. Así pois, a información e a comunicación son dous elementos innegables de cara á existencia das TICs.

Temos a conciencia de que as TICs teñen existencia dende fai tempo e debemos de concienciarnos tamén de que os cambios nos últimos tempos producíronse maiormente grazas a elas, por iso, para darse esa comunicación que antes citaba deben existir unhas competencias, habilidades e actitudes por parte dos usuarios, ou mellor dito, unha alfabetización dixital, tema do que xa falei na miña anterior entrada ao blog.

Con referencia a iso, dicir que non todos medramos rodeados de tecnoloxías e temos gran dominio sobre elas, as últimas xeracións dáselles por feito ese aspecto, pero as anteriores xeracións non tiveron, ou teñen, esa estreita relación cas mesmas. De aquí xurde a diferenciación de nativos dixitais e inmigrantes dixitais, é dicir, aqueles que naceron e medraron coas TICs e os que se adaptaron a elas con posterioridade.

Estes conceptos foron acuñados por Marc Prensky. Podedes atopar máis información referida a isto no artigo escrito por el “Nativos Digitales, Inmigrantes Digitales”(Marc Prensky, 2001).

Para facer mais ilustrativo e visual engado a continuación o enlace dun vídeo que me resultou moi axeitado para este tema, ademais de moi simpático, no que se amosan uns nenos ensinándolles aos seus avós como empregar as novas tecnoloxías:

Entón, a alfabetización dixital é un compoñente fundamental no desenvolvemento dunha sociedade como a nosa, unha Sociedade da Información e o Coñecemento, e o avance nesta alfabetización por parte dun implica a exclusión, ou declive, da mesma noutros que non poden ou non saben acceder á información, a súa transformación ou mesmo a súa comunicación. Nisto quero recalcar que esta alfabetización non se debe de dirixir exclusivamente a alumnado en idade de escolarización, senón que debe estenderse a todos aqueles que queiran acceder a ela, converténdoa nunha educación na mesma ao longo da vida.