Redes Sociais, interese e coñecemento pola seguridade?

En relación a unha nova de prensa que xa comentei aquí sobre a seguridade das Redes Sociais e o papel das forzas de seguridade do Estado nas mesmas, agora quero tratar o tema dende a outra parte, os usuarios destas Redes Sociais.

Nesta nova falan de cifras e tantos por cen de usuarios, principalmente adolescentes entre os 14 e os 18 anos, que tiveron algún tipo de "situación incómoda" na rede, sendo esta franxa de idade na que actualmente mais se fai uso da Internet e das conexións a estas redes. Podedes consultar esta nova e estes datos no seguinte enlace:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2015/03/22/redes-sociales-seguridad-piensas-compartir/0003_201503SM22P18998.htm

Datos que me chaman a min a atención son principalmente dous: o primeiro é o do 47% dos usuarios enquisados que compartiría o seu contrasinal, non me refiro só a esa cifra, senón que a continuación especifican con quén a compartirían e a orde de importancia é a que me sorprende, a confianza antes destes usuarios no grupo de amogos que nos pais. Son consciente de que nestas idades os pais para a maioría son un tipo de "inimigos" dos que escapar a conta do grupo de amigos, pero xeralmente, un pai ou unha nai serían unha seguridade á hora de ter os teus datos de privacidade baixo chave.

O outro dato que me chamou a atención é o de que o 68% dos usuarios enquisados intentarían resolver os problemas que lles xurdiran na rede por eles mesmos, sendo unha cifra moi alta para o que estamos falando, xa que se deben ter certos coñecemtos neste tema sobre lexislación e dereitos na Internet, polo que penso que a mellor actuación ao respecto sería o aconsellamento por parte dun profesional na materia e nunca afrontar estes percances un so.

Este artigo faime pensar si a seguridade e a privacidade destes usuarios de 14 a 18 anos está ben tratada dende todos os ámbitos nnos que se moven ou se necesitarían unha formación e información máis específica; segundo o meu punto de vista, teñen nocións interesantes sobre esta temática pero fáltalles saber exactamente o que fan na rede, que vexan e se conciencien de que os seus actos na mesma non sempre son doados de solucionar e menor de eliminar.

Por iso pregunto: están os docentes e os centros educativos preparados e formados para darlle resposta a estes alumnos?

A miña resposta é que aqueles docentes que xa levan na docencia preto de dúas décadas non teñen nin a preparación nin a formación axeitada para afrontar estas novas inquedanzas na ensinanza e nos seus alumnos.