Primeiro contacto

Non me considero nativa das novas tecnoloxías, pero creo que a miña xeración experimentou nesta área unha etapa de transición caracterizada polo crecemento exponencial.

Durante os meus anos de Primaria os conceptos dixitais chegaron de súpeto a vida académica, presentando cambios que semellaban superficiais, e alleos á revolución que protagonizarían en pouco tempo.

Reparando neste período de tránsito dende unha perspectiva máis distante no tempo, decátome de que os cambios eran maiores dos esperados en todos os ámbitos da vida e do pouco “preparados” que nos atopou esta exhalación que continúa despexando fronteiras. Mais o que máis me sorprende, e no que pensei despois desta primeira sesión de TIC é que, a pesar de que a omnipresencia da tecnoloxía é máis obvia, así como o seu forte impacto na sociedade, non creo que esteamos aproveitando as posibilidades que nos ofrece, e tampouco que esteamos a examinala co ollo exhaustivo que precisa, espero que nesta materia nos permita, entre outras cousas, reflexionar sobre isto.

Focalizándonos un pouco máis no noso gremio, reparar no que me trouxo a mente o comezo disto fíxome pensar na importancia de educar coidando a dimensión tecnolóxica e na necesidade de, como premisa para isto, alimentar docentes formados e analíticos. Creo que é fundamental cultivar a preocupación pola ética, que ás veces parece esvaecerse entre as marxes do mundo real e o virtual, e que semella desatendida fronte ao ensino das utilidades máis automáticas e técnicas.

Penso que ás veces os presupostos se centran demasiado en sufragar as demandas dunha sociedade mutante de xeito exponencial equipando aos centros, o que contrasta a miúdo cunha formación pobre que non permite sacarlle partido a estas inversións.

Considero que esta materia, ademais de refrescar o concepto primixenio de tecnoloxía, co que polo menos eu substituíra o de nova tecnoloxía, e de ampliar coñecementos máis “prácticos”, fíxome abrir certas cuestións de responsabilidade educativa que, entre outras, moveume a  preguntarme acerca do deber de prepararnos para ser capaces de acoller os cambios que se nos presentan, como docentes no futuro e cidadáns, dende o compromiso e a conciencia social.

Paula Martínez Díaz.