A estreita relación entre un avó e un neto.

            Debo contar unha situación que me chamou moito a atención e me fixo pensar no molestas e ó mesmo tempo “eficaces” que poden chegar a ser as novas tecnoloxías á hora de “deteriorar” vínculos e relacións tan bonitas coma as dun avó e un neto.

            Mentres esperaba por un compañeiro na Alameda, puiden observar como un ancián permanecía sentado nun banco mentres lía un libro. Estaba “metido de cheo” na historia, ás veces sorría, outras veces parecía intrigado... mentres ó seu carón permanecía un adolescente que non levantaba ollo do teléfono.

            Nun principio crin que eran auténticos descoñecidos, pero logo dun tempo escoitei como o ancián lle dicía ó adolescente: “E non deixarás o teléfono, para iso viñeches comigo?”, e como o adolescente lle contestaba: “Non te queixes avó,  que te acompañei”.

            Logo de escoitar isto, e de saber que eran avó e neto, pensei no que as novas tecnoloxías poden causar. O adolescente estaba completamente “absorbido” polo móbil, ás veces ata lle custaba pestanexar, non facía caso a outra cousa e menos a seu avó.

            Foi aí cando pensei o perigosas que poden ser as novas tecnoloxías ó non usalas dun xeito correcto, podendo incluso chegar a crear unha barreira entre as relacións persoais. Nesta situación temos un claro exemplo no que, o mozo, en lugar de estar gozando dun momento co seu avó, escoitando unha historia, unha anécdota, un consello... o único que facía era “fuchicar” no seu teléfono.

            Tentei buscar unha viñeta que “plasmase” tal situación, e mentres o facía, atopei unha que a pesares de non tratar o tema directamente, si o facía doutro xeito, pois posiblemente agora non, pero dentro de moitos anos, as novas tecnoloxías deixarán atrás recursos tan importantes e valiosos coma os libros... Será entón, cando os avós lles ensinen ós seus netos o que é un libro, pois posiblemente moitos o vexan coma se dun alieníxena se tratase.

040422neneAbueloLibro.jpg

                Faro, A. (2004). Víspera del día del libro. Recuperada de: http://www.ididactic.com/edblog/10-vinetas-comicas-sobre-educacion/

             Para isto, non cómpre máis ca concienciarse sobre o uso das novas tecnoloxías, tendo sempre en conta aqueles outros recursos que nos rodean e son tan valiosos.