Día do libro: o libro electrónico ou "e-book"

O pasado xoves 23 de abril celebrouse o dia do libro. Todo o mundo precisamos e tivemos algunha vez nas nosas mans, e sobre todo no ámbito académico, un libro, no cal se plasmaba por escrito e se transmitía información, coñecementos, historias …

 As novas tecnoloxías abríronse paso tamén neste material, de uso xeneralizado, modificando certos aspectos do mesmo.

 Un libro electrónico ou e-book é  unha publicación dixital non periódica, de certa extensión, xeralmente monográfica, que plasma e transmite información a través de diferentes tipos de rexistros ( textos, imaxes , gráficos …).  (Gama Ramírez,M. 2002 pp.17)

Este tipo de material precisa dun dispositivo electrónico, que teña pantalla e memoria, para poder visualizarse. Este dispositivo pode ser dende un ordenador, un teléfono móbil, unha tableta, etc ... ata un aparello creado co único fin de reproducir libros electrónicos, o cal recibe o mesmo nome. Esta coincidencia entre dispositivo e material que reproduce fai xurdir certa confusión.

Nun inicio, os libros electrónicos tratábanse de edicións dixitais de libros impresos. Pero na actualidade, comezan a xurdir publicacións unicamente dixitais.   

Podemos pensar que o único que cambia é a forma e o medio a través do cal lemos a información. Pero penso que vai moito mais alá.

 Cambia o acceso á información. Cando co libro impreso só podíamos ler aquel libro que tiñamos nas mans, téndonos que desprazar obrigatoriamente á libraría onde o vendían, á biblioteca onde o prestaban... sendo o número de exemplares limitado e reducido, agora podemos acceder e descargar o libro electrónico inmediatamente e dende a nosa casa, sen necesidade de desprazarnos, existindo un número ilimitado de exemplares. Aquí se plasma unha das características omnipresentes en tódolos ámbitos das novas tecnoloxías: a procura de maior comodidade.

Outro dos cambios que trae consigo o e-book é a posibilidade de levar sempre con nos a tódolos lugares os exemplares que nos interesen, podendo lelos e revisalos no momento que precisemos. Co libro impreso, resultaba imposible transportar continuamente un número elevado de exemplares a calquera lugar para poder consultalos en calquera momento.  Outra sinal de comodidade.

Ademais, súmase o aspecto económico. Os libros electrónicos son mais baratos, xa que non precisan almacenamento, transporte...

A pesar de todas estas vantaxes que parece que supón o libro electrónico con respecto ao impreso, eu persoalmente, sigo preferindo e lendo libros en papel. Quizais porque levo manexando este formato dende que aprendín a ler, síntome máis cómoda e consigo unha maior atención e concentración cando leo unha historia ou unha información en papel.

 Son capaz, claro que si, de ler artigos na rede, a través do ordenador, noticias en periódicos dixitais a través do teléfono móbil... pero porque se trata dun número reducido de páxinas. Eu, penso, sería incapaz de manter a concentración lendo nun dispositivo electrónico un libro enteiro de arredor de 100 ou mais páxinas.

Quizais non consiga concentrarme lendo neste tipo de dispositivos porque non os emprego con frecuencia, ao contrario dos libros en papel , e quizais non os emprego porque non me permiten concentrarme.  Tal vez se trate de abrirme un pouco mais a estes novos recursos para que ambas situacións se vaian mellorando.

Polo de agora, prefiro un libro en papel,no cal pasar páxinas, subliñar, marcar, tocar, ulir, etc., pero seguirei intentando achegarme a este novo tipo de recurso que ten moitas vantaxes que ofrecerme, o e-book.  

Déixovos aquí varios artigos que me serviron para indagar un pouco mais sobre este material:

Alonso Arévalo, J. e A. Cordón, J. (2010). El libro electrónico en el ecosistema de información. Ciencias de la Información, vol.41 ( nº2 ), extraído o 25 de abril de 2015 de  http://eprints.rclis.org/14891/1/Libro_electronico_%28Ciencais_de_la_Informaci%C3%B3n%29.pdf

Gama Ramírez, M. (2002). El libro electrónico: del papel a la pantalla. Biblioteca universitaria,vol.5 (nº1), extraído o 25 de abril de 2015 de http://www.redalyc.org/articulo.oa?id=28550104

Moleon, Marlen (26 de marzo de 2012). 10 ventajas y desventajas de los libros electrócicos (ebooks). Extraído o 25 de abril de 2015 de http://eriginalbooks.net/2012/03/26/10-ventajas-y-10-desventajas-de-los-libros-electronicos-ebooks/

A continuación déixovos un pequeno vídeo no cal se plasman certas vantaxes e inconvenientes dos libros electrónicos con respecto aos impresos, algunhas das cales foron tratadas anteriormente (aínda que non todas).