Reflexión Interactiva

Esta sesión interactiva que se nos presentaba co termo “Curación de contidos” ofreceunos unha serie de ferramentas específicas que, na miña opinión, contribúen a sufragar os conflitos que expón a cita que se empregou na clase “Non é o exceso de información, é a falta de filtros” Clay Shirky.

Se nos servimos da fonte de contidos tan exuberante que a rede nos ofrece, debemos incluír na nosa responsabilidade como usuarios e transformadores da mesma adquirir a capacidade para peneirala, e así poder aproveitar realmente os recursos que nos ofrece.

En ocasións, falando en primeira persoa, exaspéranos a cantidade de respostas que obtemos cando inserimos as que consideramos palabras clave nunha busca. A un tempo, somos conscientes da riqueza que se expande ante nos dende múltiples punto de vista.

Creo que as propostas que se nos presentaron perseguen a organización destes contidos, facilitándonos a distribución de diversos intereses, oportunos dependendo do que precisemos en ocasións determinadas, e alimentar dun xeito máis saudable o entorno de aprendizaxe do que falamos na expositiva do martes.

Penso que nos fixos decatarnos de que a vida fóra das repostas rápidas, e moi cuestionables, da Wikipedia ou Yahoo, é posible e bastante máis produtiva.  Se realmente valoramos a calidade da información que empregamos deberíamos apostar por outras fontes.

Google Scholar, un exemplo que se compartiu na sesión, paréceme un recurso no que xogan un papel moi importante as variables que compoñen o usuario crítico descrito no documento de “Educación: Riscos e promesas das novas tecnoloxías da información”.

Esta ferramenta paréceme deseñada en torno a este perfil xa que presenta as súas entradas incluíndo datos que responden as preguntas nas que, segundo este documento, basea os xuízos de credibilidade o usuario crítico da rede, coma o número de persoas que citaron un documento, que vinculei coa “credibilidade distribuída” da que se fala no texto.

Por outra banda, aínda que a grandes trazos na mesma liña de curación, reparei en Netvibes. A pesar de atopala menos instintiva e visual que Symbaloo, pareceume, logo de familiarizarme un pouco co seu funcionamento, un sistema moi útil para organizar as fontes que emprego e dispoñer delas dunha maneira máis práctica.

En definitiva, e á marxe dos exemplos concretos cos que nos puidésemos quedar, creo que o máis significativo da xornada foi reparar na necesidade de organizar a información, para coñecela e filtrala, e aproveitar así todo canto nos ofrece.

Paula Martínez Díaz