Transpasando muros, abrindo cadeas

Tal e como expuxen na anterior entrada, a visita de Nusa e a súa exposición sobre as novas tecnoloxías nunha situación de guerra, fíxome pensar nas posibilidades que as TIC poden ofrecer noutro contexto de privación de liberdades: os centros penitenciarios.

Segundo se establece no artigo 25.2 da Constitución, a finalidade dos centros penitenciarios é a reeducación e reinserción social. Ante a sociedade do coñecemento e información na cal nos atopamos, a integración social pasa obrigatoriamente por comprender e manexar as novas tecnoloxías.

Esta necesidade, de adquirir competencias para manexar e comprender as novas tecnoloxías, é vista como tal dende o punto de vista dos propios internos. Esta visión puiden corroborala tras asistir, o pasado 29 de abril, a un curso ofertada pola Facultade acerca do módulo terapéutico do centro penitenciario de Teixeiro. Neste, participaron dous internos, aos cales se lles preguntou sobre qué proxecto lles interesaría e verían necesario que se aplicase para conseguir unha efectiva preparación para a vida en liberdade. Comentaron que botaban en falta un proxecto de orientación laboral e un proxecto sobre as novas tecnoloxías. Explican que, moitos, non tiveron ningún contacto coas novas tecnoloxías, pois os numerosos avances da mesma producíronse despois de que eles entrasen en prisión. Ao saír de permisos e saídas, expoñen, atopábanse cunha situación completamente nova, que os atordaba, e que se atopaban completamente perdidos e fóra de lugar. Ademais de para comunicarse, observaban que o manexo das novas tecnoloxías estaba a converterse nunha competencia clave á hora de realizar unha busca activa de emprego. Consideraban, polo tanto, eles mesmos, que o tratamento das novas tecnoloxías era fundamental para conseguir unha verdadeira reinserción social.

Precisamente neste mesmo centro penitenciario, dende o ano 2008, a Asociación Intramuros , con Pilar Mingote como responsable, desenvolveu no módulo de mulleres desta prisión un blog, denominado Chicass10 ( http:// chicass10.blogspot.com ). As internas escribían no ordenador as súas historias, experiencias, vivencias... Como o acceso a Internet no cárcere está prohibido, a educadora encargada do taller recolle os traballos das internas e encárgase de publicalos na rede dende o exterior. Ao día seguinte, lévalles fotografías ás internas sobre a aparencia do blog, cómo quedaron as entradas, qué comentarios recibiron... Ao comezo, comenta a responsable do proxecto nunha entrevista ao xornal La Opinión de A Coruña o domingo 6 de maio do 2012 ( dispoñible en http://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2012/05/06/chicass10-heroes-sociales/60599.html) , o proxecto non espertaba o interese das internas, pero unha vez que observaron que as súas historias espertaban interese no exterior e recibían comentarios, comezaron a motivarse coa iniciativa. Nas numerosas saídas que o colectivo organiza coas internas, tentan mostrarlle sempre que poden a páxina que escriben dende o cárcere. Esta iniciativa que tivo unha gran repercusión nos medios de comunicación, tal e como se pode observar nas seguintes imaxes. 

       

 ​    Unha iniciativa similar é o Proxecto Omnia. Este pretende achegar as novas tecnoloxías a aqueles internos, homes, de entre 18 e 25 anos que, na maioría dos casos, non tiveron nunca contacto coas TICs. Comezan a ensinarlles a manexar o ordenador, filtran información coa que os internos poden elaborar revistas... Unha das iniciativas mais destacadas do proxecto é tamén a elaboración dun blog, para a cal se segue a mesma estratexia que no centro penitenciario de Teixeiro. Pero este proxecto vai máis alá, empregando softwares que simulan a rede, a través da Intranet. Esta ferramenta, empregada tamén, por exemplo, en grandes empresas para a comunicación interna, permite crear un espazo que simula a rede, pero que está en todo momento controlado e limitado. Establécese previamente os espazos aos que o usuario pode acceder e as accións que pode levar a cabo, mantendo constantemente o control sobre o que o usuario está a facer. Esta ferramenta foi tamén tratada e comentada como alternativa moi factible e realista no curso antes mencionado. 

Intranet permitiría, por exemplo, crear unha especie de “campus virtual” onde os internos poderían acceder a información educativa e formativa previamente filtrada e predeterminada, comunicarse cos titores, compartir traballos cos compañeiros, mandar as súas obras aos titores... Isto permitiríalles facerse unha idea de cómo se traballa, qué aparencia ten, qué posibilidades aportan... as novas tecnoloxías. En canto ao ámbito laboral, permitiríalles, por exemplo, aprender a realizar un vídeo currículo.

A UNED supón tamén unha gran oportunidade para a formación dos internos en centros penitenciarios. Sempre que se limite o acceso a esta páxina, e xa que a mesma posibilita o rexistro individual do usuario, onde realizar os seus traballos, compartilos, comunicarse cos titores... pode ser considerada como unha gran oportunidade formativa dos privados de liberdade. A UNED iniciou unha plataforma educativa denominada ALF, que responde a un modelo de educación a distancia e virtualizado. Permite impartir e recibir formación, xestionar e compartir documentos, crear e participar en comunidades, interactuar con docentes e outros alumnos...

No curso 2012-2011 implantouse esta plataforma no centro penitenciario de Teixeiro, tal e como se recolle na Revista Galega de Educación, nº 59, xuño 2014. Os alumnos e alumnas internas teñen o acceso restrinxido a esta, por motivos de seguridade. Para diminuír estas restricións a Universidade creou a figura do asesor UNED nestes centros, servindo de enlace entre profesor e alumno. No curso 2013-2014 estaban matriculados nestes estudos 31 internos e internas. Dispoñen dunha aula con ordenadores nos cales realizan os traballos, entréganos, recollen material... en ocasión realizan traballos en liña, sempre cunha limitación de acceso moi restrinxida.

Son numerosas as iniciativas que pretenden, xeralmente a través de asociacións e ONGs, achegar as novas tecnoloxías as prisións. O seguinte vídeo reflexa unha iniciativa levada a cabo nas cárceres de Galicia, que se suma as anteriormente expostas.

 Existe, polo tanto, a necesidade, percibida e demandada polo propio internos, de achegar as novas tecnoloxías a este colectivo para conseguir unha verdadeira integración social, e existen, como se pode observar, numerosas alternativas realistas e posibles para levar a cabo esta achega, aínda que as circunstancias non son doadas e precisan duna maior esforzo por parte de usuarios e profesionais.

Comentarios

  • Rosa Rey García

    Debido a que o obxectivo das cárceres é a reinserción, como moi ben indicas, paréceme indispensable que se traballe o tema das TICs. Xa que nestes días na que nos encontramos onde a tecnoloxía é unha realidade que está presente en todos os campos (traballo, ocio, saúde …). Polo tanto, Cómo os podemos preparar para o mundo se non os informamos e preparamos para sobrevivir nel? Baixo o meu punto de vista, os presos deberían ter acceso a internet e a televisión para así seguir estando en contacto co exterior, sempre que haxa  un control e cumprindo as restricións necesarias. Xa que para min o castigo que se exerce nas cárceres non é o illamento senón a privación de liberdade. MOitas gracias por compartir esta información, resultoume moi interesante!