E-portafolio

No primeiro día de clase da materia tecnoloxía educativa falousenos de que o noso proceso de aprendizaxe íase producir mediante a elaboración e construción do noso propio e-portafolio.

Segundo a Wikipedia entendemos que  “El portfolio digital (e-portfolio, portafolio) hace referencia al conjunto de evidencias en soporte digital que muestran el desarrollo, evolución y logros de los estudiantes en su proceso de aprendizaje”

O traballo seguindo dito proceso era unha novidade para min, polo que tentei do mellor xeito posible familiarizarme con el. Os primeiros días, de toma de contacto, serviron para experimentar un pouco sobre como funcionaba, descubrindo pouco a pouco aspectos que se podían encher.

Unha vez comprendido o funcionamento desta plataforma, era momento de estruturar os contidos do mellor xeito posible, ir publicando sobre o traballado nas clases, así como presentar aquelas noticias encontradas na rede en relación á tecnoloxía educativa. Pero debemos ir máis alá. Debemos reflexionar sobre todo o que aprendimos e o que nos falta por aprender, e non so en relación aos contidos da materia, senón tamén en relación ao manexo do e-portafolio, optimizando o seu uso.

Coido que o importante de traballar co e-portafolio é demostrar evidencias do noso proceso de aprendizaxe. De pouco serve que publiquemos cantidade de blogs, archivos ou vídeos, se realmente non nos paramos a pensar en, todo o que en ditas publicacións se di e, que podemos rescatar para un futuro desempeño profesional. Tamén é importante a existencia dun fío condutor, xa que se facilita mellor a comprensión do tema central ou a idea que se tenta transmitir.

Reflexionando sobre isto, dinme conta que o traballo co e-portafolio, ademais de supoñer un cambio na metodoloxía de estudo levada ata o de agora, permite coñecer as opinións de todos os compañeiros, establecer diálogos con persoas con diferentes puntos de vista, fomentar a creación dun coñecemento global, o desenvolvemento de actitudes críticas fronte ao uso das novas tecnoloxías e moitos outros aspectos. Quere dicir isto que a pesar de asemellarse a un portafolio, non se centra soamente na elaboración persoal dunha serie de contidos, senón en establecer comunicación con outras persoas. E é a través de compartir con outros, onde se fomenta a creación dun coñecemento aberto, onde cada un aporta o seu gran de area.

Con esta plataforma aprendin a traballar cunha nova metodoloxía e espero poder seguir aprendendo durante o tempo restante de clase e mellorar todo o coñecido ata agora. 

Fontes:

http://edutec.rediris.es/Revelec2/revelec30/articulos_n30_pdf/Edutec-e30_Gallego_Cacheir_Martin_Angel.pdf

http://es.wikipedia.org/wiki/Portfolio_digital#Concepto_de_Portfolio