Educación audiovisual

Ata agora era un tema recurrente, nas entradas que viñen realizando os últimos días, o feito de que actualmente o sistema educativo non está a sacar todo o partido que podería ás novas tecnoloxías. Isto non é nada novo, moitos compañeiros tamén se teñen referido moito a este problema tanto nesta rede social como nas clases expositivas e interactivas. Sen embargo aínda non queda moi claro, na miña opinión, que modelos se deben aplicar para cambiar esta tendencia e que vantaxes presentarían.

Pois ben, nas últimas clases interactivas o tema principal sobre o que xiraron as mesmas foi o do sector do audiovisual. Materiais audiovisuais levan sendo aplicados dende fai moito tempo no noso sistema educativo por moitos profesores, polo tanto está claro que debe de ser un material que aporta determinadas vantaxes. Pero que vantaxes son esas?

En primeiro lugar gustaríame presentar a seguinte imaxe que extraín do Blog “Conectados” da Editorial SM .

 

Como podemos ver, mediante a escoita e lectura dun determinado tema ou contido, a capacidade que temos de reter esa información é tan só dun 5% para o que escoitamos e dun 10% para o que leemos. Agora compre a parar a pensar sobre a metodoloxía que aínda seguen a empregar algúns docentes do noso sistema educativo, en especial na educación secundaria. Esta metodoloxía soe consistir en que o profesor explica o tema durante unha hora enteira e os alumnos escoitan, sen que durante esa hora haxa un pouco de interacción.  Con isto a retención é dun 5%, a cal vai decrecendo conforme a clase avanza e a atención decae, ademais de sumarlle as distracción propias dunha clase de instituto. Pero de todas formas o dato sobre o que se debe reflexionar é que se inverteu unha hora de clase para tan só un 5% de asimilación, un 10% como moito se se consegue que os alumnos sigan a lectura do tema.

Por outra parte temos que a capacidade de retención de maneira audio-visual aumenta ata o 20%, un 15% que o método tradicional, e que se temos en conta que normalmente conteñen demostracións mesmo chega ao 30%. Quere isto dicir que debemos de prescindir das explicacións dos profesores e educar mediante materiais audiovisuais? Pois non, nin moito menos. Pero hai que ser conscientes de que contamos con unha ferramenta que pode servir para complementar a tarefa educativa, ofrecendo uns resultados moi interesantes.

Ademais, se seguimos mirando o gráfico podemos ver como, mediante unha serie de actividades, mesmo podemos chegar ao 90% de asimilación.

Como se podería aplicar isto?

Na miña opinión a mellor maneira de empregar estes principios sería como xa se ven realizando nalgunhas clases do grao de pedagoxía e tamén nesta materia, aplicándoas aos temas de educación secundaria.

Primeiro comezar con explicacións apoiadas con recursos audiovisuais, desta maneira combínase a retención por medio da escoita e súmase a que conseguimos de ditos recursos.

Logo os contidos impartidos someteranse a grupos de discusión para que debatan o que entenderon e compartan puntos de vista.

O seguinte paso sería que puxeran en práctica o aprendido, a ser posible mediante un xogo de roles ou exercicios específicos. Canto máis amenos sexan mellor, para poder captar a atención do alumno.

O último paso sería aplicar o método da titoría entre iguais, o cal consiste en que os alumnos máis avantaxados presten a súa axuda aos que teñan problemas para seguir o ritmo da clase. Creo que este método en concreto presenta moitas vantaxes porque tamén permite desenvolver competencias no alumno que axuda, como a responsabilidade ou o compañeirismo.

 

 

Uns enlaces para ampliar o contido, un deles contén un libro sobre experiencias educativas baseadas no uso de películas como base de ensino

 

http://blog.smconectados.com/2014/09/30/como-debemos-ensenar-a-estudiar-a-nuestros-alumnos/

 

http://ipes.anep.edu.uy/documentos/noticias_portada/vinculo_abajo/ed_salud/segunda_semana/modelos.pdf

 

https://books.google.es/books?hl=es&lr=&id=bymXxBA5CfkC&oi=fnd&pg=PA9&dq=cine+y+educacion&ots=U_ZFfl4fnO&sig=NiSm4KXc4JFzWTcJXdykT4qt1So#v=onepage&q&f=false