O profesorado e as TICs

Estes días tocou reflexionar na aula sobre a realidade das TICs nas aulas i escolas e sobre o papel que o profesorado desempeña nesta.

Recordei una noticia que vira na prensa días antes, da cal aínda non tivera a oportunidade de falar aquí. Grazas ás novas tecnoloxías puiden recuperar a noticia, cousa que sería practicamente imposible de non contar con esta ferramenta ( velaquí un dos beneficios desto das novas tecnoloxías).

Compartía practicamente a totalidade das opinións que diferentes profesionais  expresaban nesta noticia sobre o reto que supón para o profesorado a integración das novas tecnoloxías nas aulas. ( podedes visualizar a noticia en http://www.crtvg.es/informativos/os-profesores-ante-o-reto-nas-novas-tecnoloxias-nas-aulas-1092446 ).

Tal e como afirmaba Linda Castañeda ( profesora universitaria de Murcia i experta sobre a utilización das novas tecnoloxías nas aulas), un correcto traballo coas TICs nas aulas pasa necesariamente por un cambio de metodoloxía.

O profesorado precisa posuír formación referente ao manexo dos novos recursos tecnolóxicos ( aspecto que considero que si se está a lograr aínda que precisa de grandes avances de momento), pero, aínda mais urxente é  un cambio de mentalidade ( e polo tanto, de metodoloxía), con respecto ao uso das TICs.

Debe deixar de consideralas como un “adorno” nas súas clases, xa que en numerosas ocasións empréganse como ferramenta de distracción ou recompensa. Tomo como exemplo a esta práctica docente a propia experiencia como alumna e a posterior observación das aulas actuais durante diferentes prácticas formativas. Son incontables as veces que se destinaba a última hora dos xoves ( únicos días da semana nos que tiñamos clase pola tarde) a ir á aula de informática, ao igual que as clases nas que o profesor faltaba e era substituído por outro. Pero o que alí facíamos distaba moito de ter un obxectivo educativo. Mais ben, ditaba moito de ter outro obxectivo que non fose ocupar un tempo que non se sabía de que outro modo ocupar. Do mesmo xeito, “recompensábasenos” con poder usar os últimos minutos da clase o ordenador ( cando xa tiñamos un ordenador por aula) se rematabamos ben a tarefa ( o cal puiden observar tamén nunha actual aula de educación infantil).

Tratábase pois, de empregar as TICs  como mera distracción, como unha forma de ocupar “tempo morto”.  

Isto, ao meu parecer, é o primeiro que debe mudar nas escolas: a mentalidade do profesorado con respecto á utilización das TICs nas aulas.

Debe mudar, polo tanto, a forma de “ser profesor”. Un docente da sociedade da información e da comunicación, da “era das redes sociais, non pode limitarse a transferir coñecementos" ( recuperado de http://sociedad.elpais.com/sociedad/2014/02/18/actualidad/1392722730_398144.html), debe ensinar doutro xeito, “ensinar a aprender”. Debe, pois, deixar de ser un simple repetidor de contidos e coñecementos, pois os alumnos e alumnas poden atopalos na Rede. O profesor dun mundo dixitalizado, debe converterse  nunha guía para os escolares, espertar neles o interese e fomentar habilidades e competencias para que a información que busquen sexa beneficiosa e lles aporte algún aprendizaxe.  Debe ensinarlles a buscar información veraz, a ser críticos á hora de analizar a información obtida, a darse de conta de que non toda a información que atopan na rede é valida nin necesaria, a adquirir competencias para que eles mesmos poidan ditaminar qué información é útil e cal é errónea ou innecesaria, poidan fuxir da infoxicación. En definitiva, traballar e fomentar neles a competencia dixital.

Pero para conseguir traballar deste xeito, precisase primeiro que o propio profesorado, se dea de conta de que é este o rol necesario que deben asumir nas aulas para conseguir que os seus alumnos e eles mesmos se adapten á sociedade do momento. 

No artigo recuperado de http://www.educacionyculturaaz.com/educacion/decalogo-para-el-uso-didactico-de-las-tic-en-el-aula fálase dun decálogo que deberían de ter en conta e de seguir os docentes nas aulas en relación ao  uso das TICs. Saliento determinados aspectos que me parecen relevantes e necesarios para lograr unha beneficiosa integración das TICs nas escolas.

As novas tecnoloxías deben empregarse na aula para mellorar a calidade do proceso de ensino – aprendizaxe que nela ten lugar. Como tal, debe terse claro os obxectivos educativos que o emprego destes recursos contribuirán a conseguir. Non debe empregarse o tecnolóxico polo mero feito de que este o sexa, nin crer que vai aportar melloras unicamente pola súa condición, senón que debe ser analizado o seu uso e as melloras que persegue.

Como sinalei anteriormente, o profesorado debe mudar a súa metodoloxía e, polo tanto, o uso das TICs non debe limitarse a reforzar os contidos que o docente expón, senón que debe “facilitar o proceso de aprendizaxe por descubrimento”, onde o alumno busque unha información guiado polas pautas do docente, que o motiva e esperta o seu interese.  O alumno, pois, debe aprender facendo, mudando tamén os seus métodos de traballo.

O emprego das TICs serve para apoiar os aprendizaxes das materias do currículo, mais tamén  para adquirir e desenvolver competencias dixitais, necesarias para vivir nesta sociedade “dixitalizada”. Debe integrarse, este aprendizaxe das e nas novas tecnoloxías, no proceso de ensinanza, sendo coherentes cos obxectivos e contidos curriculares que se perseguen, deixando de concibirse como  unha actividade paralela, “de adorno ou recompensa” como sinalaba anteriormente.

En todo este novo ensinar e aprender nas aulas, está claro que o libro de texto debe abandonarse, ou polo menos, modificarse.

Sinalaba Linda Castañeda na noticia da TVG, que o seu maior desexo sería que desapareceran os libros de texto. É imposible adaptarse as circunstancias de cada aula e aos intereses dos alumnos e dos momentos se todo nos ven pautado e prefixado de antemán, como é no caso dos libros de texto.  Penso que o futuro, pois, estará no traballo por proxectos, nos cales o que se traballa emerxe dos intereses dos propios alumnos, e que os libros de texto se deben adaptar a estes ou  desaparecer.