Qué me levo da materia...

Rematada a docencia da materia Tecnoloxía Educativa, dispóñome a reflexionar sobre o traballado e o aportado pola materia durante estes 3 meses.

A materia de Tecnoloxía Educativa trouxo á miña formación novos coñecementos e un novo xeito de traballar que permitiron, ambos, achegarme mais ás novas tecnoloxías, ámbito ó  que non me sentía demasiado próxima e do que tiña un gran descoñecemento, a pesar de empregalas, dun ou doutro xeito, a cotío.

En canto aos novos coñecementos, adquirín, sobre todo, habilidades e ferramentas coas que levar a cabo un tratamento da información da e na rede mais  eficaz. Fíxome pararme a analizar e reflexionar sobre aspectos que antes nin consideraba.

Antes da materia, experimentaba na rede, agora posúo certas ferramentas e estruturas coas que planificar e organizar a miña procura e tratamento da información na rede. É dicir, serviume para  “crear” un PLE en lugar de experimentar e improvisar á hora de traballar coa información na rede.

Na seguinte imaxe pretendo reflexar o meu PLE na actualidade.

Traballar a través dunha rede social como Stellae supuxo tamén un cambio de metodoloxía e de visión para min. Antes da materia, era unha usuaria que consumía constantemente información da rede, pero que non producía nunca información para a rede, quizais porque pensaba que non tiña nada mais que aportar, pois todo estaba xa na rede, e tiña certa inseguridade e esixencia á hora de crear contidos que puideran servir aos demais.

O traballo na rede permitiume cambiar esta visión. Observar que as miñas reflexións e entradas de blogs eran comentadas polos compañeiros serviume para ver que algo si que estaba a aportar coas miñas producións. Ademais, retroalimenteime de coñecementos e diferentes puntos de vistas que sobre un mesmo tema tiñan os compañeiros, descubrindo moitas veces aspectos que nin consideraba.

Este aspecto tamén se veu reforzado grazas ao traballo na Wikipedia, pois deime de conta de que me podía converter nunha produtora de contidos e de que si tiña algo novo que contar aos demais.  

Outro aspecto que destaco é o de concienciarme de que os traballos, aínda que estean na rede, teñen un autor ó que lle debemos recoñecer o seu esforzo e aportación. Antes quizais pensaba que todo o que está na rede é para compartir, sen pararme a pensar nos dereitos de autor, aspecto que si consideraba en libros materiais, CDs... Descubrín así o Creative Commons.    

 

Polo tanto, o traballo na materia serviume para acercarme mais ás novas tecnoloxías e, sobre todo, adquirir competencias e habilidades para saber empregalas e ensinalas cun maior respecto e eficacia, así como achegarme e descubrir novas ferramentas que optimizarán o meu traballo na rede.