!Resucita a rede da USC!

Dende o pasado venres, tanto estudantes, como investigadores ou profesores quedamos sen poder acceder a ningunha plataforma ou servizo da rede da universidade, debido a que “estaban en tarefas de mantemento”. Así que ante a catástrofe non puiden evitar relacionar o tema coa materia, e facer leña da árbore caída.

En primeiro lugar, criticar. A quen se lle ocorre pechar todos os servizos da rede xusto a primeira fin de semana antes dos exames? A xente desesperouse e con razón. E aínda por enriba, tardar tres días en poñerlle solución.

En segundo lugar, e o motivo desta entrada, é que o tema da para reflexionar e darse conta de ata que punto a tecnoloxía acomodouse na nosas vidas. Resulta que coa caída da rede, os alumnos non podíamos acceder ó campus virtual; o que supuña non poder acceder ó material de ningunha das asignaturas (agás TIC, un aplauso), os profesores non tiñan acceso os seus correos da USC e en consecuencia os alumnos non nos podíamos comunicar con eles, as bibliotecas e residencias de estudantes atopábanse sen acceso a Internet porque a rede Wi-fi non estaba dispoñible, ningunha páxina da universidade estaba operativa polo que non se podían consultar nin datas nin horas de exames, nin ningún outro dato. Non se podía presentar calquera traballo ou actividade que se tivera que entregar de "modo virtual", e nin sequera se podían coller libros nas bibliotecas por que o servizo de préstamo depende tamén da rede. E todo isto, eran as consecuencias para os estudantes, pero tanto os profesores, como os edificios de investigación e demais traballadores da USC víronse afectados.

Non ímos facer ningún drama, pero a verdade é que estabamos a velas vir, e todo porque a tecnoloxías nos deixan tirados uns días e non dispoñíamos doutros medios. De verdade?, sen a tecnoloxía estabamos tan limitados?. Isto recórdame a cando meu irmán de trece anos lle preguntou a meu pai que como facía el para quedar cos seus amigos se non tiña WhatsApp, o que meu pai contestou: ¿Ás cinco na praza?, pois cinco minutos antes todos alí.Doado.

Ás veces penso que a tecnoloxía en realidade non nos fai a vida máis fácil como se di. Meu irmán por exemplo, xa non concibe unha vida sen ela, e a min cada vez peréceme máis difícil facelo. E penso, se mañá desaparecera Internet que pasaría no mundo? A verdade, é que creo que non son consciente de ata que límites nos afectaría.

Comentarios