O proceso da vídeo-creación

Onte a miña compañeira Tamara Cao Vigo e máis eu subimos o noso vídeo á plataforma Vimeo. En el tratamos o tema da competencia dixital desde a nosa propia experiencia coma inmigrantes dixitais, o cal nos permitiu traballar dita competencia desde dúas perspectivas: por unha parte, mediante os contidos que tiñamos que ir introducindo no vídeo; e, pola outra, mediante a súa propia realización, xa que foi preciso poñer en práctica as nosas habilidades no mundo dixital para realizalo. Así, a nosa aprendizaxe sobre as competencias dixitais foi moito máis intensa.

Como xa dixeron Blázque e Lucero (2009), o emprego do vídeo coma elemento de expresión permite «escribir» imaxes e comunicar con elas, ademáis de desenvolver unha postura crítica fronte aos medios audiovisuais de masas. E é que non hai como traballar cun medio para coñecelo en profundidade, e este coñecemento é preciso para acadar a capacidade de sermos críticos con el. Foi un pequeno proxecto, pero, quizais, agora entenda mellor o emprego da imaxe que se fai na televisión ou no cine.

Teño que dicir que, cando lle pedín a Tamara que fixesemos xuntas o vídeo, non sabía o ben que estaba a escoller, non só é unha persoa moi traballadora, senon que, ademáis, é tremendamente creativa e ten unha visión plástica excelente.

Creo que Tamara dixo a frase chave cando rematamos o proxecto: “na miña cabeza pode haber até unha festa con lumes de artificio, pero outra cousa é representar iso; iso é en parte o que se aprende facendo isto”. Non podo estar máis de acordo, as nosas expectativas iniciais foron mudando a medida que iamos facendo o vídeo. De feito, hai algunhas variacións respecto ao guión orixinal que presentamos e iso que nese punto xa tiveramos que adaptar algunhas das nosas ideas para poder plasmalas de xeito máis funcional. Ningunha de nós fixeramos antes unha vídeo-creación, así que está claro que non tiñamos idea de como representar o que andaba nas nosas cabezas nun medio audiovisual. Creo que mantivemos a esencia do que queriamos contar, aínda que necesitamos unha ollada desde fora para saber se fomos capaces de transmitilo.

 

Bibliografia:

Blázquez, F. e Lucero, M. (2009). Los medios y recursos en el proceso didáctico. En: A. Medina e F. Salvador (Coords.), Dídáctica general (pp. 183-218). Madrid: Pearson.