Descubrindo as Contornas Virtuais de Aprendizaxe

Outra concepto novo que aprendín nesta asignatura: Contorna Virtual de Aprendizaxe.  Investigando un pouco máis sobre este concepto aínda atopei outro: Contorna Virtual de Ensino-Aprendizaxe (Mestre Gómez, Fonseca Pérez e Valdés Tamayo, 2007), que me gustou moito porque fai fincapé na metodoloxía dialóxica que pretenden desenvolver estes espazos. Estes autores descríbeno coma un conxunto de facilidades telemáticas para a comuncación e máis o intercambio de información que xera procesos de ensino-aprendizaxe.

As vantaxes son evidentes, pois estas contornas permiten o acceso á aprendizaxe a persoas de todos os puntos do mundo que, de outro xeito, non poderían desenvolver unha aprendizaxe compartida. Supoñen ir moito máis alá da tradicional metodoloxía das aulas virtuais nas que o docente colga contidos sobre os que logo os estudantes traballan individualmente, pois procuran unha comunicación constante entre os membros da contorna. Guitert e Jiménez (2000) destacan que é importante fixar un sistema de intercambio de información que leve á súa revisión progresiva, un intercambio que debe ser realizado de xeito crítico e constructivo. Tamén suxiren que, para que estas interaccións se produzan, pódense empregar ferramentas coma os chats, o correo electrónico, os documentos compartidos ou os encontros virtuais. Os autores dan moita importancia á posibilidade de desenvolver o apoio entre todos os membros da comunidade, aproveitando as habilidades de cada un na axuda aos outros.

Por suposto, na práctica non sempre se aproveitan todas as potencialidades que estas contornas ofrecen, as investigacións de Torres Toro e Ortega Carrillo (2003) detectaron que existe un certo descoido no deseño das actividades de intercomunicación para a creación do coñecemento compartido. Sen embargo, eu non achacaría este problema ás Cotornas Virtuais de Aprendizaxe, xa que é algo que ocorre tamén nos grupos-clase e depende do interese do docente en fomentar a cooperación entre os alumnos.

Estas contornas ofrecen moitas posibilidades, pero facelas efectivas depende de todos os membros que a integren, dos docentes, como xa dixen, pero tamén dos estudantes, que ás veces agochamos a nosa falta de implicación aducindo que os docentes non saben motivarnos.

 

Bibliografía:

Mestre Gómez, U., Fonseca Pérez, J. J. e Valdés Tamayo, P. R. (2007). Entornos virtuales de enseñanza-aprendizaje. La Habana: Centro Universitario de las Tunas. Consultado o 26/05/2015 en: http://bibliotecalibre.org/bitstream/001/251/8/978-959-16-0637-2.pdf

Torres Toro, S. e Ortega Carrillo, J. A. (2003). Indicadores de calidad en las plataformas de formación virtual: una aproximación sistemática. Etic@net, 13. Consultado o 15/05/2015 en: http://www.ugr.es/~sevimeco/revistaeticanet/Numero1/Articulos/Calidade.pdf

Guitert, M., & Giménez, F. (2000). Trabajo cooperativo en entornos virtuales de aprendizaje. En: J. M. Duart e A. Sangrá (Eds.), Aprender en la virtualidad, pp. 113-134. Barcelona: Gedisa. Consultado o 21/05/2015 en: http://especializacion.una.edu.ve/Telematicaeducativa/paginas/Lecturas/UnidadIII/TCEV.pdf