EDUCANDO A MIRADA

Cando falamos de educar a mirada, sabemos realmente do que estamos a falar? Sabemos que cada día nos poñen imaxes das que seguramente non entendemos o significado? Sabemos que debemos ter en conta as alfabetizacións mútliples?

Creo que iso está pouco claro, ou eu polo menos decateime de que non o tiña cando dita temática foi explicada.

Realmente non sabemos porque se elixen unhas ou outras imaxes para facer publicidade, ou porque se escollen unhas ou outras posicións para realizar unha fotografía.

Asemade, no noso día a día tampouco somos conscientes de que unha mesma imaxe pode ser interpretada de diferentes xeitos, e a cada persoa pódelle transmitir diferentes sentimentos.

Pois ben, dende as explicacións pertinentes dadas na clase, decateime de que a día de hoxe estamos sendo bombardeados continuamente por miles de imaxes diferentes con miles de significados diferentes. Con todo isto débese ter en conta e tamén claro que todas esas imaxes non so nos crean diferentes sensacións ou sentimentos, se non que a través delas creamos a nosa visión do mundo. Estamos inmersos nunha sociedade na que a vida enteira se pode contar a través de imaxes, pero as imaxes non sempre teñen unha repercusión positiva nos individuos.

Se nos diferentes medios nos impoñen unha serie de imaxes, e non temos a capacidade ou aptitude necesaria para poder entendela, todas esas imaxes influirán en nós dalgún xeito que non poidamos controlar, xa sexa esa influencia positiva ou negativa.

Ademais, é importante ter en conta que a maioría dos espectadores que observan ditas imaxes son nenos e adolescentes, polo que é moi recomendable comezar a educar a mirada dende idades temperás. Por que? Porque na gran maioría dos casos non sabemos o que estamos a ver, non logramos decatarnos do significado, o que para a aprendizaxe e desenvolvemento pode ser moi prexudicial.

Por iso, creo imprescindible educar a mirada dende cativos para que poidamos ser autónomos e saber empregar o contido das imaxes como ferramentas propias de aprendizaxe persoal, evitando ao mesmo tempo unha influencia negativa.

Fontes consultadas: (http://www.revistacomunicar.com/numeros_anteriores/archivospdf/31/c31-2008-01-001.pdf)

                             (https://c1.staticflickr.com/1/71/193980303_65d4f19e3a_z.jpg?zz=1)