comentario clase "beebot"

Por Tania

Na clase do 5 de maio, veu unha mestra de infantil dun colexio da Coruña a falarnos de cómo se traballa nesa escola coas TIC. Mostrounos un “Robot” que se chamaba Beebot.

Cando o amosou non se me ocurría a maneira na que podían traballar na aula con ese robot, xa que nun primeiro momento pensaba que estaba destinado máis para actividades de xogo que para actividades de aprendizaxe. A mestra contounos e mostrounos fotos dos nenos traballando co beebot na aula e a verdade é que me sorprendeu a cantidade de contidos que traballan con el, matemáticas, contos, sinais de tráfico, mapas, lecto-escritura… e todas as actividades que fan están relacionadas unhas cas outras.

Nas imaxes víase como os nenos estaban moi entusiasmados e centrados nas actividades  que realizaban co beebot, aínda que sería ideal poder ver en directo na aula como os pequenos aprenden no seu día a día con esta tecnoloxía, as súas reaccións, comentarios, etc.

Chamoume a  atención un comentario que fixo esta mestra, que foi que nesa escola as TIC se utilizan e traballan con elas sempre con un fin, e non por moda, xa que hai moitos centros que as usan por pura moda e que se volven tolos co uso das mesmas.  A verdade é que actualmente en moitas escolas estanse introducindo as tecnoloxías como un recurso máis para a aprendizaxe dos pequenos pero a verdade, en moitos centros non saben moi ben nin como se utilizan nin para que lles pode servir.

Sobre este tema indagamos o meu grupo de traballo na mini investigación, xa que a realizamos sobre o tema do uso das TIC polos docentes, e recordo que en moitas investigacións que atopamos sobre esta temática, recalcábase moito que as TIC tiñan que ser utilizadas sempre con fundamento e con un fin, analizando que posibilidades nos podía ofrecer o seu uso e si son adecuadas para os pequenos, e por tanto, non se debían usar simplemente por moda, xa que iso pode ter repercusións negativas na aprendizaxe do alumnado, polo que ese comentario que fixo a mestra vino claramente relacionado con isto.

Despois de escoitar esta charla que nos dou esta mestra, sinto moita curiosidade por coñecer máis  recursos do tipo do beebot, xa que me pareceu unha maneira moi interesante para traballar na aula, e dame a sensación de que para os nenos tamén é motivador traballar con  este tipo de recursos e non con fichas ou métodos polo estilo, ademais nas prácticas que realicei non tiven a oportunidade de ver como se traballa coas TIC, xa que, de feito, na escola infantil que estiven, non se usaban as tecnoloxías como recurso de aprendizaxe para ningún tipo de actividade. Tamén é verdade que non todos os centros contan con recursos económicos como para levar ás súas aulas elementos deste tipo , xa que a mestra comentou que lle fora moi custoso compralo, aínda que despois foron a un tipo de “feira” destes recursos e atoparon un robot que facía as mesmas funcións que o beebot, era moito máis barato pero sen a mesma estética.

Por isto penso que se lle debería facilitar ós centros poder introducir as TIC como un recurso metodolóxico, tanto en recursos materiais, como en moitas ocasións, en formación para o profesorado, para que poidan aprender novas formas de ensinar e cales poden ser as vantaxes de traballar certos contidos a través das TIC.

Pero, a verdade, é que tamén considero que as TIC non se deben convertir no recurso metodolóxico principal nas aulas, xa que tamén hai outros métodos son moi ricos para os nenos, polo que sería ideal poder traballar a través de diversos recursos, e non abordar matemáticas, lectura, escritura… e todo coas TIC.