Opinión final.

Por Ana Vila

Esta asignatura estivo ben para ensinarnos, como futuros mestres, novos e anteriormente descoñecidos (polo menos para min) métodos que nos poden ser de gran utilidade nas aulas de infantil nas que nos dispoñamos a ensinar.

Novos programas e aplicacións que poden enriquecer as nosas explicacións e chamar a atención dos máis pequenos motivándoos a traballar dun xeito máis… ¿divertido?

Pero, por outra banda, sigo a pensar que non debemos deixarnos levar por todos estes aparellos electrónicos que nos rodean e sobre todo, rodearán aos nosos futuros alumnos.

Debemos ter a suficiente capacidade de saber diferenciar complemento de necesidade.

Complemento para min é o que deberían ser as TIC no ámbito da educación; necesidade o que non deberiamos deixar que fosen.

Considero un bo mestre aquel que sabe ensinar e transmitirlles aos seus alumnos novos coñecementos, valores e actitudes para que se poidan enfrontar por si sós ao mundo que os rodea. E considero tamén que neste proceso non son imprescindibles as TIC, xa que en moitos lugares do mundo non teñen todos estes programas e recursos que coñecemos durante este cuatrimestre e pode levarse a cabo do mesmo xeito unha boa educación.

Con isto non pretendo facer ningunha crítica de cara ás novas tecnoloxías, senon que pretendo recalcar a importancia de facer un bo uso delas e saber aproveitar as vantaxes que nos poden ofrecer e non caer na dependencia, especialmente como mestres dunha aula de educación infantil, con varios pares de ollos observando e imitando o noso comportamento.

Non queremos que os nosos alumnos medren nun ambiente de dependencia tecnolóxica, ¿non?