Reflexión final

A falta dun día para que sexa 1 de xuño e con el o exame, propóñome realizar a última entrada neste blog intentando resumir da mellor maneira posible o que vimos en todo o cuadrimestre. Non se me ocorre mellor maneira que levala a cabo nunha das aplicacións que máis me gustou e que probablemente utilice bastante de agora en diante.

Mediante Tagxedo, intentei resumir con algúns conceptos o que vimos na materia. Desde logo, non están todos e quizais algúns non son os máis importantes en xeral, pero si foron algúns dos que máis me impactaron ou gustaron.

A última clase expositiva realizamos unha actividade que consistiu en apuntar o que máis nos gustara da materia, o que menos, que aprendemos... Moitos de nós coincidimos en que os aspectos negativos estarían relacionados co cúmulo de contidos e conceptos que en ocasións se daban de maneira moi rápida e cando parecía que ías asimilando o primeiro, xa se avanzara ao terceiro. Estas situacións propiciaban moito agobio e impotencia por non dar seguido o ritmo. Pero desde logo, é algo que se pode mellorar e que non sempre foi así, xa que noutros momentos tivemos tempo para ir ao noso ritmo.

Persoalmente, o que máis me gustou da materia foron as visitas que recibimos, concretamente a viaxe a Siria. Aínda que non vivamos iso en primeira persoa, sempre é bonito que unha persoa allea a ti che conte a súa experiencia e de maneira cercana.

En canto aos contidos da materia, conseguín ampliar os coñecementos que tiña sobre as TIC, tanto a nivel teórico como práctico. Sobre todo a nivel teórico, xa que o práctico (referíndome ás diferentes aplicacións que vimos), non contamos con moito tempo e non foi posible poñelas moito en práctica. A nivel teórico, interesoume moito o tema da identidade dixital. Por unha parte, tanto a nivel persoal, sobre a miña propia identidade dixital, facéndome consciente da importancia da privacidade e a seguridade que debemos ter con isto. E por outra parte, a importancia de ensinar isto como futuros mestres, tanto ós nosos alumnos/as como aos familiares destes.

Creo que é posible unha boa utilización das TIC cos nenos/as, como nos amosou a mestra de Arteixo coa robótica, pero para isto deberíamos cambiar moitas cousas e analizar ben todo que rodea a nosa sociedade. A escaseza das TIC non é a solución no noso mundo actual, pero o exceso é moitísimo peor. Como nos dixo María (a mestra de Arteixo), non nos debemos volver tolos e temos que utilizar as TIC con cabeza, con utilidade, favorecendo o desenvolvementos dos nosos nenos e nenas.

Reflexion final TIC.jpg