Inmersión na reflexión

Porque este título a esta nova entrada? Pois porque nun primeiro momento, para a avaliación, realicei unhas moi vagas entradas e un e - portafolios que non estivo á altura de demostrar o que aprendín ao longo da materia de Tecnoloxía Educativa.

Con honestidade debo dicir que non me esforcei o suficiente como para superar a materia, xa que deixei influír en min as miñas ideas (erradas) e tamén o deixei “un pouco de lado”, o cal deu nun resultado negativo. Porén, tamén me obrigo a dicir que se para a anterior realización do e – portafolios o meu punto de inflexión fora a clase dada por Nusa sobre Siria, agora, debo incluír como un novo punto de inflexión o feito de non superar a materia.

Iso fixo que quixese esforzarme máis, e agora, despois dun mes procurando información en distintas páxinas web (pondo en práctica a busca mediante operadores booleanos explicados na clase), libros, e artigos de revistas, así como a visualización de vídeos, publicarei as novas entradas reformuladas tanto en esencia coma en forma, así como tamén levarei a cabo unha modificación no meu e – portafolios no que se poidan ver reflectidos os cambios emerxidos.

Ao longo deste tempo vin que xa máis persoas estiveron a subir diversas entradas aos blogs. Eu súboas agora, pero si que, como ben escribín antes, entre un traballo que conseguín e a preparación doutra materia, ia buscando información sobre as temáticas dadas na clase que me foron de interese e íalle dando forma, avanzando cada día algo máis no coñecemento e cambiándoas de tal xeito que me transmitisen o que eu pretendía transmitir.

Con estas novas entradas pretendo deixar á vista o meu cambio a nivel de aprendizaxe, pois logo de estar procurando na rede e de contrastar información, decateime do fin último.

Debemos crear, a partir dunha base de información, os nosos propios elementos educativos de formación, contrastando distintas fontes (sen deixarnos Infoxticar e sendo conscientes da información que manexamos así como do seu valor e veracidade) e dando a ver como imos formando a nosa propia rede de formación. Deste xeito, sempre estaremos renovando o noso coñecemento e ampliándoo.

Asemade, é importante que emerxa en nós a dúbida, o interese por querer procurar máis información e por querernos impregnar con información de diversas temáticas.

Debo recoñecer aquí que nun primeiro momento me resultou difícil porque poucas veces se daba en min esa situación. Porén, ao ir extraendo información sobre as primeiras temáticas tratadas que resultaron de interese para min, fíxoseme máis doado introducirme nas demais para ir enlazando conceptos e ideas.

Así pois, espero conseguilo.