• Blogs
  • Xeila
  • BRECHA DIXITAL, A NOVA EXCLUSIÓN SOCIAL

BRECHA DIXITAL, A NOVA EXCLUSIÓN SOCIAL

Comezo esta nova entrada, en primeiro lugar dando a ver unha definición do que é a Brecha Dixital.

Segundo Arturo Serrano e Evelino Martínez, a brecha dixital defínese como “la separación que exite entre las personas (comunidades, estados, países, etc) que utilizan las Tecnologías de la Información y Comunicación (TIC) como una parte rutinaria de su vida diaria y aquellas que no tienen acceso a las mismas y que aunque las tengan no saben como utilizarlas”. (www.labrechaditigal.org)

Partindo desa base, xunto coas premisas tratadas con anterioridade na materia, dase a ver que a día de hoxe, os avances tecnolóxicos non se están a reproducir de igual xeito a nivel mundial.

Como puiden comprobar á hora de pescudar información, hai diversas investigacións ao respecto nas que se mostran as grandes desigualdades existentes así como as repercusións que iso conleva.

Conforme a isto, segundo Internet World Stats, hai algo máis de 1.400 millóns de internautas dos que o 60% viven nos países industrializados. Así, en Europa hai 384 millóns de usuarios mentres que en África hai 51 millóns. A escala mundial e dun xeito moi representativo, segundo os datos da ITU, 3.200 millóns de persoas empregan Internet, dos cales 2.000 millóns viven en países desenvolvidos.

Esta información levoume a ver que é o grao de desenvolvemento dos países e o seu poder económico o que máis incide na existencia desta brecha, o cal non quere dicir que non se deba facer nada ao respecto.

Así pois, tamén é importante ter en conta que se poden identificar diferentes tipos de brechas dixitais, como son:

  1. A brecha de xénero, que indica a diferenza na utilización das TIC entre os homes e as mulleres. Neste caso, os estudos mostran que son as mulleres as que fan un menor uso das mesmas.
  2. A brecha territorial, que mostra que son as zonas rurais as que máis dificultades teñen de acceso ás novas tecnoloxías fronte aos espazos urbanos.
  3. A brecha xeneracional, é a que nos indica a diferenza existente no uso das TIC segundo a idade. Aquí, segundo nos indica o Informe do Estado da Sociedad de la Información en España 2007, está tamén moi marcada, pois amosa que son os mozos e mozas de entre 15 a 34 anos os que máis emprego fan das mesmas.

É importante ter en conta aquí tamén a dous termos empregados por Marc Prensky (2001) que son os inmigrantes dixitais e aos nativos dixitais.

 O concepto de inmigrantes dixitais fai referencia a aquelas persoas que naceron nunha sociedade na que aínda non existían as novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, e que polo tanto, lles é moi difícil adaptarse a elas.

Por outra banda, enténdese como nativos dixitais a aqueles outros individuos que naceron na sociedade onde xa evolucionaran as TIC, o que repercute nunha rápida e fácil adaptación ao seu uso e mesmo unha dificultosa adaptación aos métodos tradicionais.

       4. A brecha cultural, que nos amosa que aquelas persoas con mellor formación teñen máis acceso, mentres que os que carecen dela ou ben non acceden, ou non o fan do xeito correcto.

É aquí onde ten cabida facer mención á alfabetización mediática, pois refírese a aquelas competencias básicas que debe posuír o individuo para o emprego normalizado das novas tecnoloxías. Ditas competencias son adquiridas a través da formación (formal ou informal), e permiten facer un uso correcto das TIC así como aproveitalas do mellor xeito posible.

Pois ben, analizando a brecha xeneracional co entorno próximo é moi doado de ver. A sociedade na que vivimos está acostumada ao emprego diario das TIC como son o teléfono móbil ou os ordenadores. Son consciente de que por exemplo neste momento estou a realizar un traballo no que me resulta imprescindible a conexión a Internet para a pescuda de información e mesmo do ordenador par redactar dun xeito máis áxil e cómodo.

Porén, tamén vexo como as miñas xeracións pasadas se asombran de todo o que isto implica. Moitas veces non logran entender como funciona un ordenador ou como podemos comunicarnos con persoas que están a miles de quilómetros mediante un teléfono móbil, custándolle acostumarse ás chamadas de telefonía móbil e mesmo sendo incapaces.

Tamén aquí quero engadir, en relación coa Brecha Dixital, o caso de Siria.

Foi nunha das clases de Tecnoloxía Educativa onde tiven a sorte de coñecer a testemuña de Nusa, unha alumna siria que está a estudar na Universidade de Santiago de Compostela e que me dou a oportunidade de abrir a miña mente e ver as oportunidades que as novas tecnoloxías ofrecen.

En Siria, anos atrás estábanse a levar a cabo grandes proxectos e avances tecnolóxicos. Contaban xa coa presenza de ordenadores e de outras tecnoloxías que facilitaban a súa evolución.

Porén coa chegada da guerra, eses avances logrados con grandes esforzos víronse tirados abaixo. Por un lado, o goberno comezou a censurar conexións a diferentes páxinas de Internet para evitar que moitas das problemáticas fosen comunicadas. Poño de exemplo un caso que atopei nunha das páxinas consultadas e que me chamou moito a atención. Trátase de Talal-Molouhi, unha bloguera Siria de 19 anos que estivo baixo arresto dende o 2009, xa que foi condenada a cinco anos de prisión tras ser recoñecida culpable de divulgar información.

A partir dese momento no que se instaura a guerra, Siria foi quedando apartada do mundo tecnolóxico, e a día de hoxe seguen a estar “illados social e tecnoloxicamente”.

Foi aí onde Nusa contou que puido mandar e-books para o seu país co fin de facilitar a aprendizaxe de nenos e nenas que neste momento se quedaron sen formación, así como tamén nos dixo que nenos e nenas se xuntan cada día á mesma hora e no mesmo lugar para contarse as novas, de xeito que simulan o Facebook.

Así, vemos como a brecha dixital crea tamén exclusión social, pois todos eses países e lugares nos que non teñen acceso ás novas tecnoloxías non optan ás súas múltiples e variadas opcións, como por exemplo non ter acceso ao   e – learning, do que falarei noutro punto diferente posto que me parece un concepto clave ao igual que este.

Realmente dinme conta do errada que estaba ao non ver todo o que significan as Tecnoloxías da Información e Comunicación. Pode ser tamén porque vivo inmersa nelas e non me parara a pensar os múltiples beneficios que teñen, como por exemplo neste caso.

Como remate quero reflexionar sobre o meu futuro papel de pedagoga nesta área. Creo que queda moito por facer no campo da implantación das Novas Tecnoloxías a nivel global, e nós, os pedagogos poderemos axudar a moitos dos cidadáns e cidadás que neste momento non teñen a oportunidade de ter contacto coas mesmas. Así, poderemos ter un papel importante na axuda á alfabetización mediática, de xeito que as TIC sexan empregadas por todos e da mellor maneira posible.

Bibliografía:

http://www.labrechadigital.org

https://www.youtube.com

www.gazeta-antropologia.es

(http://www.internetworldstats.com/stats.htm

http://www.lavanguardia.com/vangdata/20150529/54431507120/graficos-brecha-digital-en-mundo-2015.html 

Prensky, M. (2001). Nativos Digitales, Inmigrantes Digitales. MCB University Press, Vol. 9, No 6. Arquivo PDF http://www.marcprensky.com/writing/Prensky-NATIVOS%20E%20INMIGRANTES%20DIGITALES%20(SEK).pdf  

(Recuperado 15/06/15)

http://esmateria.com/2014/03/02/asi-censura-siria-internet/

 

Comentarios

  • Borja

    Totalmente de acordo contigo Xeila. Unha vez coñecimos a importancia da tecnoloxía na sociedade está nas nosas mans que todos dispoñan de un alto nivel de alfabetización, se comuniquen de maneira axeitada e dispoñan das TIC necesarias.

  • Noelia Fernandez Alvarez

    Hai dous termos que nomeas aquí e sobre as cales eu tamén incidín ao longo de dúas entradas: os nativos e inmigrantes dixitais por un lado e, a alfabetización mediática. En canto a esta última podo indicar que me parece importante de cara a poder combatir nalgún xeito a Brecha Dixital, sobre todo no senso dos nativos e inmigrantes dixitais. Neste senso, como ti indicas, o noso papel como pedagogas e fundamental e preciso.

    Xenial entrada! :)