COMPETENCIA DIXITAL= LIBRO DIXITAL

 

Competencia dixital, dúas palabras das que dende fai uns anos soan moito en Europa, a maioría medramos vivindo a reestruturación dos centros escolares  co fin de adaptarse ás esixencias da realidade que vivimos actualmente. Non existe unha definición clara sobre o que significa e cales serían as posibilidades a desenvolver nunha aula pero si persoas que dende o seu posto decidiron levar a cabo as súas propias estratexias educativas coa finalidade de fortalecer novas formas de aprendizaxe do alumnado.

Ata o momento, realizando as prácticas en tres centros de diferentes características -tanto en zona urbana como rural e en centros que teñen integrado o proxecto E-dixgal- opino que a competencia dixital non se desenvolveu de ningunha maneira no alumnado e, no caso de ter contacto diario cos ordenadores non se soubo aproveitar todo o potencial  dispoñible. Isto non significa que non se introducise o proxector ou o ordenador como un recurso máis no día a día, mais a competencia dixital  non implica só o coñecemento destes recursos. A realidade é dura e por experiencia persoal  nun dos centros, o profesorado si quere traballar cun cambio na metodoloxía pero xusto a calidade de internet que chega  á zona é insuficiente e prodúcese o colapso de TODOS os ordenadores do centro se os rapaces/as de 5º e 6º de EP utilizan os seus.

Para desenvolver a competencia dixital o alumnado ten que estar informado e coñecer varios buscadores a parte de Google, en relación a isto atopei un blogue no que Meritxell Viñas -asesora e formadora en novas tecnoloxías aplicadas á educación- fala sobre as ferramentas dixitais que se poden utilizar na aula e no centro, anímovos a que entredes na páxina web  e botedes unha ollada porque é moi interesante  saber da cantidade de ferramentas que temos á nosa disposición (déixovos o enlace ao final do comentario). O seu artigo non só trata as fontes de información, tamén fala sobre as ferramentas de xestión na nube, enlaces nos que crear presentacións multimedia, eu persoalmente só utilizei ata agora Powerpoint e Prezi polo que quedei gratamente sorprendida, ferramentas para crear vídeos tutoriais, enquisas e tests en tempo real etc.

Polo xeral, o cambio xera desconcerto e o que normalmente se fixo ata agora é, como dixen anteriormente,  ADAPTAR a tecnoloxía ao método de traballo que leva tanto tempo “funcionando” nas aulas.  Nun dos centros todas as aulas dispoñen de proxectores que funcionan correctamente, o que resultou beneficioso para proxectar o  libro dixital e que todos os nenos/as non se perderan na explicación e seguisen o ritmo da clase.  Cal é o problema disto? Que o ensino non consiste en adaptarse, consiste en crear. Se non se cambia a metodoloxía  non se aproveita o potencial, a pesar diso, mellor ca nada si que é, recoñezo que as clases discorren máis fluídas porque o profesorado non ten que ir mesa por mesa mirando que todos/as estean na páxina correcta, ou mesmo ao realizar unha actividade oral na que saian a sinalar ao proxector e falen dende aí sobre as súas experiencias resulta máis ameno. A pesar diso, as posibilidades son moito maiores, por exemplo, pódense engadir recursos propios e actividades en liña especificamente deseñadas para o  seu desenvolvemento cognitivo ou traballar por grupos, cousa que non se soe facer a miúdo creo que polo feito de confiar na súa capacidade de reflexión e traballo en equipo sabendo que  as primeiras veces é normal que non saia como un se espera.


Referencias

Pozuelo Echegaray, J. (s.f.) ¿Y si enseñamos de otra manera? Competencias digitales para el cambio metodológico. Caracciolos: revista digital de investigación en docencia. Recuperado o 18 de Novembro do 2015, de: http://www3.uah.es/caracciolos/index.php/caracciolos/article/view/17/36

VIÑAS, M. (s.f). Competencias digitales y herramientas y herramientas esenciales para transformar las clases  y avanzar profesionalmente. Recuperado o 18 de Novembro do 2015, de: http://cursoticeducadores.com/ebook-competencias-digitales.pdf