Teoría do Conectivismo

Cristina Losada Loureiro (Bloqueado)
Por Cristina Losada Loureiro

Anteriormente reflexionei sobre a competencia dixital e o seu significado dentro da escola e as posibilidades que ofrece o traballo colaborativo, logrando unha aprendizaxe máis significativa e diferente ao que estamos acostumados. Hai moitas ferramentas dispoñibles na rede mais está nas nosas mans aprender delas e crear novas ideas que permitan o avance do coñecemento. Respecto a isto, vimos un vídeo  no que George Siemens (2012) fala sobre o cambio  da aprendizaxe, dende  a teoría da duplicación do coñecemento -na  que este se transmite xeracionalmente nas aulas- ata a teoría da innovación e a creatividade aplicada aos sistemas educativos.  Unha das ideas que expón é a da vida dos coñecementos e pon como exemplo o caso de Plutón, que deixou de ser considerado un planeta fai poucos anos,  o que nos fai pensar se realmente os contidos se poden plasmar nun libro que se renova cada certo tempo.

Un artigo do periódico dixital Diagonal escrito por Antonio López (2015) pon en dúbida a utilidade dos libros de texto hoxe en día nas aulas e describe como motivo principal da renovación destes o cambio na Lei de Educación. Creo que a relación que hai entre as leis e a educación é estritamente legal,  os coñecementos avanzan a diferente velocidade e o cambio na sociedade fai que sexa necesario visualizar novas posibilidades de traballo que logo se trasladarán ao marco legal. O feito de que existan escolas nas que se traballan por proxectos e/ou  temas implica a superación da metodoloxía tradicional de ensino, abre portas ao coñecemento e redefine a rentabilidade en base á educación e non ao beneficio económico.

Non nos esquezamos de que estamos aquí para aprender a ensinar e a vida útil dos coñecementos hoxe en día cambia rapidament polo que debemos estar informados, conectados. Somos a xeración que medrou na dixitalización pero non na creación, consumimos moita máis información da que creamos, o cal é normal,  mais non deixamos a nosa pegada e a nosa opinión crítica.  

“Cualquiera puede vivir toda la vida sin leer, desde luego que si, pero no va a crecer y vive una cultura donde es necesario crecer para salir adelante, si no, somos meros consumidores.  […] Hay que consumir y hay que crear. […] Ahora, para aportar, uno tiene que entender donde está, para qué está y que es lo que quiere.” ( Blanco Figueroa, 2000, p.216)

Diso é do que trata a teoría do conectivismo de Siemens (2012) dende o meu punto de vista. Formamos parte dunha rede de comunicación que nos incita a reflexionar sobre a educación do alumnado no presente e no futuro, sabendo que a tecnoloxía non supón un fin en si mesma, podendo servir ben para xerar máis desigualdade económica e social, ou ben para abogar pola solución aos problemas, depende de nós.

 


Referencias

Blanco Figueroa, F. (2000). Un siglo para pensarse. Recuperado o 21 de Novembro do 2015, de: https://play.google.com/store/books/details/Un_siglo_para_pensarse?id=wLpprEvSxUEC

Fundación Telefónica Perú. (2012). George Siemens- Conectivismo. Lima 2012. [Archivo de vídeo]. Recuperado o  21 de Novembro do 2015, de:

López, A. (2015). ¿Por qué se cambian los libros de texo?. Recuperado o 21 de Novembro do 2015, de: https://www.diagonalperiodico.net/saberes/27722-por-se-cambian-libros-texto.html